InicioEconomíaAnulado o refinanciamento de Nueva Pescanova impulsada por Abanca, ao non contar...

Anulado o refinanciamento de Nueva Pescanova impulsada por Abanca, ao non contar con acordo da maioría de acredores

A sentenza é firme e non admite recurso. A empresa convidará os seus acredores a unha ampliación de capital.

PUBLICADO O

O xulgado do Mercantil 1 de Pontevedra estimou as demandas de impugnación promovidas por varios acredores de Nueva Pescanova (sociedades do fondo Broadbill) contra a homologación xudicial do acordo de refinanciamentoe anulou dita homologación, ao entender que o acordo de refinanciamento non contou coa maioría esixible legalmente (o 51 % dos acredores).

Na súa sentenza, que é firme e non admite recurso, o xulgado sinala que, segundo a Lei Concursal, cando se establecen as maiorías para aprobar os acordos de refinanciamento, non poden terse en conta as débedas daqueles acredores considerados “persoas especialmente relacionadas” cos debedores.

No caso de Nueva Pescanova, o acordo discutido aprobouse o 30 de xuño de 2020, cando a entidade financeira Abanca xa asumira o control da pesqueira (tiña máis do 80 por cento das accións e designara a tres dos cinco membros do Consello de Administración).

Precisamente esa circunstancia, unida ao feito de que Abanca exercía como “administradora de feito” de Nueva Pescanova, convertíaa en “persoa especialmente relacionada” coa pesqueira, polo que a súa débeda non debía computar á hora de votar o refinanciamento.

Segundo o xuíz, se se tomase como referencia a posición de Abanca antes de ter o control da multinacional, sería titular dunha débeda de 47,9 millóns de euros e iso, sumado os 200.000 euros do resto de acredores que asinaron o acordo de refinanciamento, é unha cantidade moi inferior aos máis de 71 millóns de débeda que representan outros acredores que impugnaron o acordo.

Por outra banda, na súa resolución, o maxistrado tamén sinala que o acordo de refinanciamento asinouse sen informar nin negociar coa totalidade de acredores, que se decataron posteriormente.

ACORDO “EN SEGREDO”

Así, tendo en conta que o acordo estaba promovido por Abanca, que a maior parte de conselleiros están vinculados á entidade financeira e que esta era a maior interesada en que ese acordo prosperase, “xorden as máis lóxicas sospeitas”, segundo o xuíz, de que a propia Abanca influíu no Consello “para que o acordo permanecese en segredo ata despois da súa firma”.

Segundo sinala na súa sentenza, é “rechamante” que os titulares de débeda por máis de 71 millóns de euros non fosen informados previamente ou convidados a participar na negociación do acordo de refinanciamento antes da súa firma. “Aparece unha sospeita razoable acerca de que puido dar instrucións reservadas (Abanca) ao Consello para manter en segredo o acordo”, incidiu o xuíz.

AMPLIACIÓN DE CAPITAL

Nueva Pescanova convocará unha xunta de socios “na que se convidará aos acredores a participar nunha ampliación de capital voluntaria”, tras a sentenza.

Con esta ampliación “a compañía aseguraría a súa viabilidade no curto e o medio prazo”, e “estaría saneada, cuns fondos propios robustos e con capacidade de desenvolver o seu negocio sen o lastre que supón a débeda actual herdada da súa antecesora”, afirman desde a empresa.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Atraso de 40 minutos na liña A Coruña-Vigo por un conato de incendio nun coche do tren

Un conato de incendio declarado entre dous coches dun tren que cobre a liña...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...