InicioSucesosDesarticulada unha organización criminal que traía haxix desde Marrocos para Vigo e...

Desarticulada unha organización criminal que traía haxix desde Marrocos para Vigo e Ourense

PUBLICADO O

A Garda Civil desarticulou unha organización criminal de ámbito nacional dedicada ao tráfico de drogas a mediana escala, con sete puntos de venda en Ourense e Vigo, após deter a catro persoas.

Segundo informou o Instituto Armado, a ‘Operación Justel-Casabranca’, foi levada a cabo polo Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA) da Garda Civil de Ourense, Grupo de Estupefacientes da Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Ourense e a Unidade Operativa de Vixilancia Aduaneira da AEAT de Ourense.

A operación iniciouse o pasado mes de febreiro após ter coñecemento de posibles implicacións de persoas de nacionalidade marroquí, con residencia en Ourense, que formaban parte dunha organización criminal dedicada a introducir haxix no territorio nacional desde Marrocos.

As mesmas fontes indicaron que no operativo levou a cabo a detención de sete persoas e a incautación de drogas, armas, teléfonos móbiles, útiles para a manipulación de drogas e diñeiro en efectivo.

PLantación en Meis / Garda Civil

O ‘modus operandi’, concretou a Benemérita, consistía en introducir a droga en España e almacenala temporalmente en Cádiz e Málaga para, posteriormente, trasladala a Ourense e Vigo en vehículos, que foran modificados con dobres fondos para ocultala.

“Utilizaban os condutos do aire acondicionado, os ocos do airbag e os tapizados interiores, para a súa posterior distribución en sete puntos de venda en Ourense e Vigo”, sostivo a Benemérita.

“Coa finalidade de eludir controis policiais, os transportes de droga realizábanse de forma periódica, a determinadas horas e empregando vehículos lanzadeira que circulaban diante do vehículo que transportaba a droga, para detectar e avisar da posible presenza policial”, engadiu.

Así, o 22 de xuño organizouse un dispositivo policial conxunto nas provincias de Málaga e Sevilla, no que foron detidos os cidadáns marroquís B.Ou., de 60 anos e veciño de Ourense; e A.B., de 28 anos e veciño de Almería. Ambos ían no vehículo lanzadeira.

A eles suma o arresto de A.C.G., de 38 anos e veciño de Vigo, que conducía o vehículo con dirección a Galicia, e no que foron incautados 25 quilos de haxix. De forma simultánea era detido en Vigo o destinatario final da droga M.P.P., de 42 anos de idade e veciño deste municipio.

SEGUNDA FASE

No marco da segunda fase da operación, o 27 de xuño foron detidas outras integrantes do grupo cuxas funcións estaban relacionadas co almacenamento e distribución das sustancias estupefacientes. Trátase de S.A.A., de 33 anos, cidadá paraguaia veciña de Ourense; T.Q.P., de 29 anos e veciña de Ourense; e S.R.V., de 47 anos e veciña de Outomuro, en Cartelle.

Após realizar cinco rexistros domiciliarios, autorizados polo xulgado competente, incautáronse 250 doses de cocaína, 28 quilogramos de hachí en 2.800 landras, dúas pistolas, un revólver, unha pistola eléctrica, un chaleco antibalas, uns grilletes, básculas e útiles para a manipulación e preparación de drogas, 8.600 euros en efectivo, 100 euros en moeda falsa, 16 teléfonos móbiles e dous vehículos.

Coa explotación desta operación a Garda Civil destacou que se conseguiu desarticular unha organización criminal de ámbito nacional, na cal os principais integrantes residían en Ourense, e, ao mesmo tempo, desmantelar sete puntos de venda de droga polo miúdo en Ourense e en Vigo.

Un dos cidadáns marroquís detido (B.Ou.) era o que se encargaba das xestións necesarias para a consecución e introdución das partidas de haxix, procedentes de Marrocos, en España.

A droga era almacenada de forma temporal nunha “gardaría” situada nas proximidades de Antequera (Málaga), para a súa posterior distribución por todo o territorio nacional.

DELITOS

A todos os detidos impútaselles un delito contra a saúde pública por tráfico de drogas e a S.R.V., ademais, atribúeselle un delito de tenencia ilícita de armas. O prezo aproximado da droga incautada alcanza os 172.000 euros, concreta o Instituto Armado.

O operativo, dirixido polo Xulgado de Instrución número 2 de Ourense e coordinado pola Fiscalía Antidroga, continúa aberto e non se descartan novas detencións.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...