InicioSociedadeProrrogada a concesión do saneamento e o abastecemento de auga en Vigo

Prorrogada a concesión do saneamento e o abastecemento de auga en Vigo

A decisión vincúlase á execución de actuacións por parte de Aqualia que inclúen a modernización da ETAP do Casal. O PP denuncia que non se anunciase con anterioridade e Marea de Vigo critica que as investimentos se utilicen para xustificar a ampliación e o cambio tarifario

PUBLICADO O

O goberno local de Vigo prorrogou a concesión do saneamento e abastecemento de auga, un contrato vixente desde 1991, por cinco anos, e vinculou a decisión á execución dun plan de investimentos por valor de case 40,5 millóns de euros por parte da adxudicataria, Aqualia.

Nun comunicado, o Concello detallou que a xunta de goberno deu luz verde á ampliación este mércores tras “dous anos de estudo e preparación da decisión” durante os que as análises técnicas “sinalan a existencia dunha serie de incertezas e indefinicións que fan aconsellable a prórroga do actual contrato”. Así, recalcou que estas “están referidas a decisións alleas á propia competencia municipal” e dependen das actuacións ou a “ausencia” delas “por parte da Xunta de Galicia”.

En concreto, o contrato vixente iniciouse o 1 de xaneiro de 1991, cando foi adxudicado por 25 anos coa posibilidade de prorrogarse por períodos de cinco anos ata un máximo doutros 25 anos. Así, esta será a segunda ocasión na que se amplíe.

Esta decisión prodúcese despois de que o pasado mes de xullo o alcalde, Abel Caballero, insistise en que a “posición inicial” do goberno local era non ampliar ese contrato, que finaliza o 31 de decembro de 2020, pero matizase a necesidade de esperar a emisión dun informe dos técnicos municipais.

Pouco despois, o Concello iniciou os trámites para a construción dunha nova estación potabilizadora (ETAP) na cidade, que, segundo o rexedor, requiriría dun investimento “multimillonario” e permitiría que a auga da traída fose “aínda mellor”.

MODERNIZACIÓN DA ETAP

Precisamente, o goberno local sinalou que “dentro dos investimentos a executar” por parte da concesionaria incluiranse as obras de modernización da ETAP do Casal. Así, lembrou que esta representa a principal estación de tratamento de auga potable de Vigo e que tamén abastece a Cangas, Moaña, Redondela e Mos “sen que Augas de Galicia teña previsto a data de hoxe outros recursos alternativos para atender as necesidades destes municipios”.

En todo caso, o goberno de Vigo apuntou que, se a modernización da potabilizadora é susceptible de recursos europeos, Aqualia acometerá “outros investimentos sinalados pola administración local”. Ademais, recalcou que “este investimento por parte da concesionaria non implicará incremento de tarifa aos usuarios” e “significará unha nova dinamización económica nun período moi necesario”.

“INDETERMINACIÓNS”

Respecto das “indeterminaciones” que o goberno local vincula á definición de novo contrato, destacáronse o “litixio” entre o Concello e a Xunta en relación ao “ámbito competencial” da presa de Eiras e que permaneza en proceso a aprobación por parte do Goberno galego dos plans de emerxencia e normas de explotación do encoro de Zamáns. Tamén se sinalou que se atopa en proceso de estudo técnico a determinación de medidas para garantir o abastecemento de auga de Vigo e a súa área.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal do PP, Alfonso Marnotes, lamentou que o alcalde “deixe a cidade condenada a pagar unha auga cara” e a contar cun “servizo deficiente” e criticou que a decisión non se anunciase con anterioridade.

Mentres, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, criticou que os investimentos “sirvan para xustificar o cambio tarifario” e a ampliación do contrato. “Quen o paga? Pagámolo os veciños a través do recibo ou págao Aqualia en base ao plan de investimentos da súa ampliación?”, preguntouse.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Atraso de 40 minutos na liña A Coruña-Vigo por un conato de incendio nun coche do tren

Un conato de incendio declarado entre dous coches dun tren que cobre a liña...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...