Caballero culpa a Feijóo da redución da Biblioteca do Estado en Vigo

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, desvelou que, tras remitir ao Ministerio un documento sobre os usos da nova infraestrutura, o Ministerio pide que se corrixa a proposta "rebaixando o espazo á metade".

Abel Caballero, alcalde de Vigo e presidente da FEMP, nunha rolda de prensa no Concello.. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS

A Xunta de Galicia denunciou este martes que o Ministerio de Cultura e Deportes solicitou á administración autonómica axustar “á baixa” o plan de usos para a futura Biblioteca do Estado e pediron ao Executivo unha “reflexión” sobre “o resultado que tería a creación dunha biblioteca que estaría por baixo das necesidades e demandas da cidade e a súa área metropolitana”.

Nunha rolda de prensa, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, desvelou que, tras remitir ao Ministerio un documento “completo” sobre os usos da nova infraestrutura, pensado para un espazo de algo máis de 8.000 metros cadrados, o Ministerio pide que se corrixa a proposta “rebaixando o espazo á metade”.

Anxo M. Lorenzo lembrou que a actual biblioteca Juan Compañel ten 3.000 metros cadrados e recibe 300.000 visitas anuais. Así mesmo, conta cunha colección de 165.000 documentos e máis de 200.000 préstamos anuais, pero non pode facer fronte a toda a demanda de postos de lectura e estudo, celebración de eventos ou exposicións e, ademais, “os depósitos están saturados”.

O secretario xeral advertiu de que, se Vigo non conta coa Biblioteca do Estado proxectada, cometerase un “agravio comparativo” con respecto a outras cidades, e lembrou que o tamaño medio das bibliotecas construídas polo Ministerio é de entre 6.000 e 6.500 metros cadrados.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, lamentou que o Goberno contemple nos Orzamentos Xerais de 2021 unha “partida mínima” de 100.000 euros para esa biblioteca, que se construirá nunha parcela expropiada polo Concello, detrás dos actuais xulgados da rúa Lalín.

Segundo lamentou, ademais da falta de dotación orzamentaria, o Ministerio de Cultura e Deportes parece querer “reducir á mínima expresión” esa infraestrutura, que Vigo “leva anos demandando”.

RESPOSTA DE ABEL CABALLERO

Preguntado polos xornalistas acerca destas indicacións do Ministerio, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, limitouse ha afirmar que “a Xunta e Feijóo farán todo o posible para que Vigo non teña Biblioteca do Estado”, e lembrou que o PP, que gobernou desde finais de 2011 ata xuño de 2018, “quitouna dos Orzamentos Xerais”.

Segundo Abel Caballero, a Biblioteca do Estado na cidade está contemplada nas contas do Goberno central “e vaise a facer”, e lembrou que os técnicos do Ministerio visitaron a parcela e deron a súa visto e prace á infraestrutura. O propio rexedor anunciou que a biblioteca sería un edificio “singular”, duns 6.000 metros cadrados, e rodeado de zona verde.