A farmacéutica do Porriño Zendal denuncia ter sido estafada “nunhas transaccións financeiras”

A empresa producirá unha das vacinas contra a covid.

Zendal / zendal.com

O grupo farmacéutico Zendal, cuxa planta do Porriño producirá unha das vacinas contra o COVID-19, denunciou ante a Garda Civil unha estafa mediante a suplantación da súa identidade en “unhas transaccións financeiras” da compañía.

Segundo confirmaron fontes do Instituto Armado e da propia empresa, hai uns días detectouse esa suplantación de identidade, coñecida como ‘phising’, mediante a cal unha persoa allea á empresa fíxose pasar por un responsable da mesma para ordenar unha serie de transferencias de diñeiro non explicitada. Zendal explicou, a través dun comunicado, que axiña que se detectou ese delito informático, púxose en coñecemento da Garda Civil mediante unha denuncia.

“Actualmente hai unha investigación aberta, polo que entendemos que é o momento de deixar traballar aos profesionais para esclarecer o sucedido e esixir as responsabilidades oportunas”, trasladaron desde a farmacéutica, e optaron por “ser cautos e non entrar en valoracións”.

En todo caso, a empresa sinalou que o persoal do grupo segue “traballando con normalidade en todos os desenvolvementos biotecnológicos” que teñen en carteira, “unha parte deles centrados na investigación contra o COVID-19”.