InicioSociedadeVitrasa desconvoca a folga tras aceptar a empresa restablecer as xornadas

Vitrasa desconvoca a folga tras aceptar a empresa restablecer as xornadas

A CIG sinalou que o acordo coa concesionaria chegou "tras sete horas de negociación", e confirmou que o persoal afectado poderá volver á súa xornada habitual.

PUBLICADO O

O comité de persoal de Vitrasa, concesionaria do bus urbano de Vigo, acordou nas últimas horas desconvocar a folga que ía iniciar este martes, tras “dar marcha atrás” a empresa na súa intención de modificar as xornadas de traballo de parte do persoal.

Segundo informou o sindicato CIG (que preside o órgano de representación dos traballadores) nun comunicado, a empresa desistiu da súa intención de modificar substancialmente as condicións de traballo e aceptou restablecer as xornadas completas que convertera en xornadas partidas (para reforzar as liñas e cumprir as restricións de aforamento con motivo da pandemia).

O sindicato sinalou que o acordo coa concesionaria chegou “tras sete horas de negociación“, e confirmou que, desde este mesmo martes, se retomarán os horarios que foron modificados o pasado 12 de novembro, de modo que o persoal afectado poderá volver á súa xornada habitual.

Así mesmo, comité e empresa tamén pactaron a contratación de seis traballadores a tempo parcial para cubrir os reforzos necesarios nas liñas, mentres duren as restricións de aforamento ou, como moi tarde, ata o 8 de xaneiro.

A CIG valorou o acordo, que permite desconvocar os paros que ían ter lugar durante once días do mes de decembro (varias paradas de dúas horas ao longo de cada xornada), aínda que puntualizou que a contratación de persoal de reforzo a tempo parcial é “insuficiente”, e lembrou que os empregados de Vitrasa “seguen facendo un número moi elevado de horas extra”.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...