O servizo de Hematoloxía do Chuvi culmina a súa preparación para iniciar novas terapias contra o cancro

O Cunqueiro levaba dous anos traballando para conseguir a autorización do Ministerio de Sanidade que lle permita utilizar estes tratamentos.

Carmen Albo, responsable do Servizo de Hematoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo / SERGAS.

O servizo de Hematoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) completou o último paso no seu proceso para poder iniciar novas terapias oncolóxicas, coa formación de 30 profesionais que se prepararon para traballar coas novas terapias oncolóxicas CAR-T.

Segundo lembrou a responsable deste servizo, Carmen Albo, o hospital Álvaro Cunqueiro leva dous anos traballando para conseguir a autorización do Ministerio de Sanidade que lle permita utilizar estes tratamentos, o que posibilitará acabar coa derivación de pacientes cara a algún dos 10 hospitais españois que realizan esas terapias (ningún en Galicia). Nos últimos dous anos, o Chuvi derivou oito pacientes a algún destes centros.

O Álvaro Cunqueiro está xa preparado para incorporar esas técnicas á súa carteira de servizos, despois dun curso específico impartido polo grupo multidisciplinar das terapias CAR-T (integrado por profesionais de Hematoloxía, Farmacia, Neuroloxía e Medicina Intensiva), e no que se formaron unha trintena de médicos, persoal de enfermaría e outros traballadores sanitarios.

As terapias CAR-T son os tratamentos máis avanzados contra o cancro e baséanse na modificación xenética de células do sistema inmunitario do propio paciente, para que sexan capaces de ‘recoñecer’ as células tumorais e destruílas.

Esas terapias están aprobadas actualmente para o tratamento de leucemias agudas linfoblásticas e linfomas B e, proximamente, aprobarase o seu uso clínico noutras patoloxías, como mieloma, leucemia linfática crónica ou linfomas T (aínda que no futuro utilizaranse en órganos sólidos, como páncreas ou pulmón).