Mantense o fechamento a Vigo mentres a área metropolita píntase de vermello

Control en Saiáns á chegada a Nigrán | Foto XdV

O comité clínico decidiu manter en vigor todas as restricións vixentes en Galicia para conter os contaxios por Covid-19, incluído o confinamento perimetral das grandes cidades. Segundo informaron fontes da Consellería de Sanidade, tras unha reunión de máis de catro horas de duración, o comité clínico “mantén as restricións e seguirá tomando decisións nos próximos días”. A próxima reunión dos asesores en materia sanitaria está prevista para o vindeiro venres.

A Xunta decidiu o pasado venres impor un confinamento perimetral das sete grandes cidades galegas e algúns municipios limítrofes, así como do concello coruñés de Vimianzo, que se engadiu ao das comarcas ourensás de Verín e O Carballiño, co obxectivo de conter a expansión do virus.

Así, desde as 15,00 horas do pasado venres, en torno ao 45% da poboación galega non pode saír do seu concello e en varios municipios as reunións están limitadas a só persoas que viven baixo o mesmo teito. Ademais, continúa a prohibición de mobilidade en toda a comunidade se non é por causa xustificada entre as 23,00 e as 6,00 horas e o nivel dous impide as reunións sociais de máis de cinco persoas en toda Galicia.


EVOLUCIÓN DOS CASOS

Esta decisión do comité clínico prodúcese despois de que os positivos por Covid-19 confirmados por PCR nas últimas 24 horas apunten un novo descenso en Galicia, ao detectarse outros 425 por PCR, fronte aos 597 do luns e tras superar os 700 nas xornadas do fin de semana.

No entanto, os últimos datos dispoñibles en Galicia apuntan a que os casos activos de coronavirus subiron lixeiramente, ata os 9.376. Ademais, os pacientes con Covid-19 ingresados en hospitais galegos volveron aumentar ata os 545, o que supón 22 máis que os rexistrados o luns, deles 79 en unidade de críticos –dous máis– e 466 noutras unidades –20 máis–.

Respecto das vítimas mortais, en Galicia xa alcanzan as 951 desde o inicio da pandemia, despois de que nas últimas horas se rexistraran sete falecementos. A xornada do luns marcara un pico, con 21 mortes de pacientes diagnosticados con Covid-19, na que foi a xornada con máis decesos desde que o 11 de abril chegáronse a alcanzar os 23 falecidos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here