O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a orde pola que se declara de forma definitiva o espazo natural de interese local (ENIL) Complexo Duna e Arenal do Vao-Baluarte, en Vigo, xunto ao decreto de aprobación do seu plan de conservación.
Con esta figura de protección, o Concello de Vigo, como promotor da solicitude e responsable da súa xestión, asume o compromiso de pór en práctica todas as medidas necesarias para garantir a conservación dos valores naturais que representa. Esta declaración tamén lle dá preferencia no acceso e obtención de axudas destinadas a garantir a preservación e mellorar a xestión da zona.
Este ENIL é o primeiro que se declara de forma definitiva no Concello de Vigo, e o sexto de toda Galicia, e coincidindo con esta declaración, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou a zona, e explicou que o Executivo autonómico encargarase de supervisar que se cumpran as medidas do plan de conservación, é dicir, que se respecten os usos e actividades permitidas, e as limitacións necesarias para favorecer a conservación.
O plan de conservación, redactado polo Concello para un período inicial de 6 anos (e cun financiamento previsto de máis de 800.000 euros), fixa a normativa e as medidas de xestión necesarias para conservar os valores naturais desa zona, que pertence ao dominio público marítimo-terrestre.
Os fondos investiranse principalmente en tarefas de restauración e conservación dos hábitats dunares, na eliminación de especies invasoras, xestión e mantemento, protección da paisaxe, etc. Tamén se preveén accións de divulgación, educación ou ampliación do coñecemento científico.
O ENIL Complexo Duna e Arenal do Vao-Baluarte está situado na praia de Ou Vao, e ten unha lonxitude de 780 metros e unha superficie de algo máis de 11 hectáreas. O espazo está integrado no ámbito de aplicación do Plan de Ordenación do Litoral de Galicia, na unidade de paisaxe de Canido, e dentro das áreas continuas de protección costeira e mellora ambiental e paisaxística.
O ENIL acolle diversas especies, con comunidades vexetais como as dunas móbiles embrionarias, colonizadoras de primeira liña; as dunas móbiles costeiras colonizadas por Ammophila arenaria; ou as dunas costeiras fixas, con vexetación herbácea; ou grises das costas atlánticas. Así mesmo, é un lugar de presenza de aves como o corvo mariño cristado, a garza real, a garceta ou a gaivota de cabeza negra.