Aprazada pola pandemia a representación de ‘Losers’ prevista para este martes no Teatro Afundación Vigo

Afundación está a contactar coas persoas que xa adquiriran a súa entrada para o evento "para trasladarlles todas as posibilidades dispoñibles".

A representación da obra ‘Losers’, protagonizada por Jon Plazaola e Aitziber Garmendia, prevista para este martes no Teatro Afundación Vigo, quedou aprazada debido á situación sanitaria, segundo informou Afundación.

Afundación está a contactar coas persoas que xa adquiriran a súa entrada para o evento “para trasladarlles todas as posibilidades dispoñibles” e avanzou que “axiña que como as condicións permitan reprogramala, ‘Losers’ volverá ao Teatro Afundación Vigo”.

A obra social de Abanca está a estudar o “impacto” das novas medidas aprobadas con motivo da pandemia de COVID, para que “a cultura e o público estean sempre nas mellores situacións posibles e coas maiores garantías”.

‘Losers’, dirixida por Begoña Bilbao, conta a historia de Imanol e Sara, dous personaxes que roldan a corentena e non conseguiron nada do que se supón que debían ter coa súa idade. Así, enfróntanse ás expectativas sociais imperantes ao verse sen descendencia, sen parella e sen vivenda en propiedade.