InicioPolíticaO goberno local olívico pedirá á Xunta modificar a Lei Vigo para...

O goberno local olívico pedirá á Xunta modificar a Lei Vigo para que os concellos poidan aplicala

Abel Caballero afirmou que a interpretación da normativa que realiza a Xunta cáusalle "un grave dano a Vigo e as localidades de Galicia" e criticou que se permita a súa utilización ao recinto feiral, o Ifevi, e a Zona Franca, pero non ao Concello.

PUBLICADO O

O goberno local da urbe olívica solicitará á Xunta que modifique a coñecida como Lei Vigo para que os concellos poidan aplicar esta normativa de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou especial interese.

Nunha rolda de prensa, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou que a concelleira de Urbanismo, María José Caride, remitirá unha carta á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, na que proporá que a lei contemple a súa utilización por parte dos concellos.

Deste xeito, búscase empregar esta normativa para acometer un camiño duns 50 metros entre a estrada que une Vigo e Baiona e o colexio Párroco Don Camilo. Precisamente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou un recurso municipal para que a Xunta activase a lei para a construción deses accesos, polo que o goberno local busca que se modifique.

O rexedor olívico xustificou a necesidade de utilizar esa normativa dado que a tramitación correspondente para modificar o plan de urbanismo podería demorarse “uns dous anos”.

Así, reprobou que se esixa o mesmo procedemento para facer “un camiño pequeniño” de acceso a un colexio que para construír o “disparate” que representa o proxecto da Cidade do Celta na localidade veciña de Mos.

Ademais, Abel Caballero afirmou que a interpretación da normativa que realiza a Xunta cáusalle “un grave dano a Vigo e as localidades de Galicia” e criticou que se permita a súa utilización ao recinto feiral, o Ifevi, e a Zona Franca, pero non ao Concello.

RESPOSTA DA XUNTA

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, lembrou que a sentenza do TSXG sinalou que non correspondía aplicar esa normativa para construír os accesos ao colexio e que o Concello contaba con “instrumentos legais” para iso.

Nesta liña, Fernández-Tapias destacou que o tribunal “tombou” os argumentos do goberno local “para ampararse baixo este teito legal” e “botar a culpa á Xunta das cousas que non se fan en Vigo”.

Tamén resaltou que “non ten impedimiento” para acometer esta e outras actuacións, xa que a sentenza apuntou que o Concello “dispón de ferramentas urbanísticas” para levalas a cabo.

ÚLTIMAS

Vigo rexistra as máximas choivas de España nunha semana na que os encoros galegos seguen ao 88%

A reserva dos encoros galegos mantense no 87,6%, cun total de 3.253 hectómetros cúbicos,...

O BNG pide grupos e artistas locais en Castrelos, tamén como teloneiros, no canto do “autobombo” do alcalde

O grupo municipal do BNG en Vigo volveu a pedir un ano máis que o Concello...

A CIG denuncia que Constellium Automotive está “a vulnerar o dereito á folga” ao contratar persoal externo

O sindicato CIG denunciou este martes que a dirección de Constellium Automotive, auxiliar de...

Condenada a 2 anos e 4 meses de cárcere por estafa unha muller que cobraba fianzas de falsos alugueres en Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a...