O comité de Vulcano alerta que a venda do estaleiro podería facerse “por anacos” se se prolonga a espera

O BNG súmase ás denuncias do custe do mantemento do estaleiro.

Deputados do BNG e extrabajadores de Vulcano, nunha visita ás instalacións do estaleiro, no barrio vigués de Teis.

O BNG e o comité de empresa da extinta Vulcano volveron a urxir este martes unha solución para que poida venderse o estaleiro e manter a actividade, e alertaron de que, se se segue atrasando a operación, seguirá aumentando o custo de manter as instalacións abertas, o que podería derivar nunha venda “por anacos”.

Así o trasladou, tras manter un encontro con deputados do BNG, o que fora presidente do comité de empresa, Nicolás Sangabriel, quen lembrou que os traballadores se atopan nunha situación “moi desesperada” porque xa esgotaron as súas prestacións e segue sen despexarse o futuro das instalacións.

Segundo lembrou o representante do persoal, a Xunta “asegurou que, se aparecía un proxecto viable, isto sería carne sen ósos”. O proxecto está sobre a mesa, cun investidor interesado, lembrou, e segue sen desbloquearse a posible continuidade da actividade de construción naval, á espera de que o Porto “facilite” ese investimento.

Sangabriel lembrou que, do mesmo xeito que o persoal, a propia administración concursal atópase nunha situación “crítica” porque, cada día que pasa acumúlase o custo de manter o estaleiro aberto. Se non se desbloquea pronto a venda, apuntou, “haberá que cambiar o plan de liquidación e o estaleiro acabarase vendendo por anacos”, o que pecharía a porta definitivamente a unha recuperación da actividade de construción de barcos.

IMPLICACIÓN DA XUNTA

Pola súa banda, o deputado do BNG e portavoz de Economía e Industria do grupo parlamentario, Mon Fernández, trasladou a “preocupación” desta formación pola situación de Factorías Vulcano, e instou á Xunta a implicarse para buscar unha solución.

A ese respecto, o deputado nacionalista lembrou que o goberno galego ten competencias exclusivas en materia de Industria e debe ser a “impulsora” para que “se dean todas as complicidades” que posibiliten manter a actividade no estaleiro. “Alguén se ten que pór á fronte e tirar para adiante, e ten que ser a Xunta”, sentenciou.

Por iso, avanzou, o BNG volverá presentar iniciativas na Cámara galega para instar o goberno autonómico a “implicarse definitivamente” para impedir o peche de Vulcano. “Non está o patio para pechar ningún tipo de industria, e menos aínda unha industria especialmente cualificada, con capacidade exportadora”, subliñou.

Finalmente, o concelleiro nacionalista Xabier Pérez Igrexas criticou a posición do presidente do Porto, Enrique López Veiga, por “pór paus na roda” e “enredar”, e denunciou que o alcalde da cidade, Abel Caballero, que tamén forma parte do Consello de Administración da Autoridade Portuaria, púxose “de perfil” e non actúe para “pararlle os pés” a López Veiga.

O futuro do estaleiro Vulcano segue pendente de que se concrete a súa venda a Mariña Meridional, do empresario José Alberto Barreiras, que ofreceu 7,8 millóns. O depósito do diñeiro estaba previsto para o pasado 22 de setembro, pero o prazo deixouse sen efecto e aínda non hai nova data.

Mentres, tamén segue pendente de resolverse a situación da concesión portuaria das instalacións, xa que un xulgado determinou que forma parte da unidade produtiva que saíu á venda, mentres que o Porto sostén que se extinguiu (ao desaparecer Factorías Vulcano). López Veiga pediu que actúe o Tribunal de Conflitos de Xurisdición para aclarar cal é o criterio que debe prevalecer.