Conxemar insiste en ampliar Ifevi e que entre Zona Franca no Padroado

O delegado do Estado en Zona Franca, David Regades, incidiu en que mantén a súa "vontade" de participar no Ifevi e que ademais, a Zona Franca está "disposta a facer os investimentos que sexan necesarios".

O presidente de Conxemar, José Luís Freire, e o delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades.

A asociación Conxemar volveu a insistir este martes na necesidade de ampliar o Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) para que o certame sexa competitivo, e expresou o seu desexo de que a Zona Franca, dirixida por David Regades, entre no padroado do organismo, que preside a Xunta.

Nunha rolda de prensa, o presidente de Conxemar, José Luís Freire, mostrou a súa confianza en que pronto poida “resolverse o problema con AENA” para a expropiación dos terreos necesarios (próximos ao aeroporto) e ampliar o recinto feiral.

Ademais, Freire tamén se situou a favor de que Zona Franca entre no padroado do Ifevi, unha petición que hai tempo mantén o alcalde da cidade, Abel Caballero. “Oxalá entre Zona Franca no padroado, daríalle un dinamismo importante“, proclamou o presidente de Conxemar.

Tras expresar a súa esperanza de poder celebrar a feira en 2021, Freire sinalou que “se abriu a oportunidade” de facer tamén, en 2022, a feira de Bruxelas, que “sería importante pola súa repercusión”.

Pola súa banda, o delegado do Estado en Zona Franca, David Regades, incidiu en que mantén a súa “vontade” de participar no Ifevi e que ademais, a Zona Franca está “disposta a facer os investimentos que sexan necesarias”. “Seguimos pendentes da contestación do Ifevi, e esperamos que sexa neste século”, ironizou, e engadiu que a proposta deste organismo estatal “debería ser ben recibida, cando quere entrar sen pedir nada a cambio”.

DATOS DO SECTOR

Freire e Regades fixeron estas manifestacións durante o acto de presentación dun informe sobre a situación do sector de produción e comercialización de produtos pesqueiros.

Segundo este informe, elaborado con datos de 2018 por parte do equipo de Ardán, este sector representaba a peche dese ano un 3,8 por cento das empresas de Galicia, un 4,1 por cento da riqueza; e un 5,2 por cento do emprego.

José Luís Freire sinalou que os datos de 2019 “serán moi parecidos” aos de 2018, pero admitiu que a crise sanitaria do COVID en 2020 está a ter consecuencias “moi importantes” no sector, especialmente en empresas de comercialización e distribución dependentes da canle HORECA (hoteis, restaurantes e cafetarías).

“Pasárono mal e, lamentablemente, non tiveron moitas axudas, que se centraron no ámbito extractivo. Esas empresas reduciron ingresos, pero os pagos mantéñense, e sobreviviron con créditos ICO que agora teñen que devolver”, lamentou.

Por outra banda, e cuestionado acerca de posibles fusións nun sector moi atomizado, o presidente de Conxemar asegurou que, nesta industria, “non inflúe tanto o tamaño das empresas, senón a solvencia financeira”. “Este é un sector bastante equilibrado desde o punto de vista financeiro, dinámico e competitivo, e debería poder saír adiante desta crise”, puntualizou.