Así é o regreso ás aulas en Vigo: cinco colexios, cinco protocolos distintos

Os plans para a volta ó cole preséntanse dispares e cargados de xeneralidades.

Colexio Paraixal/ Miguel Núñez

A escasos días de que dea comezo o curso escolar en primaria e secundaria seguen a ser moitas as incógnitas e baleiros das normas que rexirán. Nas últimas xornadas os centros de primaria e secundaria da área de Vigo veñen de publicar unha serie de guías para dar a coñecer ós pais e nais cal será o marco regulatorio empregado para tentar garantir a seguridade no ano máis atípico que se recorda. A impresión que se desprende dos documentos, porén, é que o curso se presenta incerto e, sobre todo, caótico.

Dos cinco CEIPs seleccionados por Xornal de Vigo grazas ás achegas da Agrupación Arlequín non hai dous que teñan as mesmas normas. Se ben todos eles contan cun código regulatorio baseado no protocolo de Xunta e Goberno, a indefinición que veñen denunciando anpas e sindicatos parece ter afectado ás normas concretas de cada centro. Así é que nas cuestións particulares cada colexio opta pola decisión que semella máis axeitada ó equipo directivo, no canto de dispoñer dunha decisión homoxénea.

Esta heteroxeneidade apréciase especialmente nun dos puntos máis polémicos do regreso ás aulas: a entrada e saída ó centro. Neste aspecto, hai CEIPs que optan por facer entrar a todo ó alumnado á vez pero por distintos accesos, como é o caso do Sárdoma Modelo. Non acontece o mesmo, por exemplo, no Canicouva, situado a apenas 3 kilómetros. Alí está previsto que cada curso acceda ó centro en quendas de quince minutos. O CEIP Josefa Alonso, pola súa banda, opta por unha combinación de ambos sistemas, propoñendo unha entrada escalonada e por accesos distintos.

Outro dos problemas que xorden no tocante ó acceso ás aulas é como evitar que os rapaces deambulen polas instalacións, incrementando o risco de contaxio. Tamén neste aspecto clave as respostas dos centros discorren en direccións distintas. O CEIP de Sárdoma, por exemplo, opta por facer que os titores de cada curso agarden na entrada polos rapaces para logo conducilos directamente ás aulas. No García Barbón, pola contra, contan con espazos dispostos para que cada curso agarde de xeito ordenado ó momento de acceder ás aulas.

XENERALIDADES

A vontade de evitar ateigamentos na entrada e saída do centro esténdese tamén a recreos e comedor, circunstancias nas que os centros pretenden botar man de desdobres e quedas para reducir riscos. Alén destas cuestións, a febleza dos protocolos dispostos polos centros maniféstase de xeito particular nas xeneralidades que agroman nos protocolos, á imaxe das normas dispostas por Consellería e Ministerio, segundo denunciaron durante semanas os sindicatos.

Así, cómpre subliñar a vaguidade con que os centros refiren a necesidade de desenvolver tarefas de limpeza. No CEIP Canicouva, por exemplo, afirman que a ventilación das aulas debe ser realizada “a miúdo”, sen dispoñer un marco temporal preciso, á imaxe das declaracións da ministra Celáa uns días atrás. De xeito paralelo, destacan a necesidade de prestar “especial atención” á limpeza de pomos e pasamáns, sen concretar en que medidas nin prazos se traduce esta atención.

A situación é semellante no García Barbón, onde destacan a necesidade de “ventilación frecente” para manter a seguridade. Ou no Josefa Alonso, que fan fincapé na importancia de levar a cabo unha “frecuente hixinización de mans”. O mesmo acontece no Mestres Godar cando subliñan a obriga de usar a máscara “correctamente”.

A publicación destas guías para pais e nais coincidiu temporalmente co anuncio da Xunta de Galicia de que os responsables as dúas consellerías clave no regreso ás aulas -Educación e Sanidade- serían relevados. Cómpre subliñar, á parte, que na propia área de Vigo existen aínda centros que non conta con protocolos para o regreso ás aulas, como é o caso do Seis de Nadal.

Dende a agrupación Arlequín -que cataloga de “pobres” os protocolos analizados- critican á Xunta por pedir un plan nacional cando “non son capaces nin de facer un plan galego común”. A consecuencia desta disparidade, destacan dende o colectivo, será que a rapazada “non conte cos mesmos dereitos en todos os centros”.

2 COMENTARIOS

  1. É absolutamente normal que existan disparidades nos diferentes centros xa que teñen que adaptar os plans ás súas peculiaridades de construcción. Por exemplo : o ideal é entrar e saír por diferentes portas, se as tes, se non terás que entrar e saír pola mesma en diferentes quendas. Uns colexios teñen varias portas e outros non…

  2. Os pais deben saber que isto non se fai sen o apoio das direccións dos centros educativos. A proba clara é que non sabemos de dimisión algunha en ningún deles. Algo de responsabilidade terán tamén nisto… Ou non podían poñerse de acordo. A ventilación das aulas debe ser dende que se abren ata que se pechan cando menos no outono. Despois virán os choros e o “eu non sabía nada”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here