Abel Caballero reorganiza o goberno de Vigo e cambia ás áreas de catro concelleiros

Abel Caballero / © Miguel Núñez.

O novo concelleiro do grupo municipal socialista de Vigo, o avogado Pablo Estévez, que tomou posesión como edil o pasado luns, asumirá as áreas de Participación Cidadá e Festas, segundo confirmou este xoves o alcalde, Abel Caballero.

O rexedor olívico explicou nunha rolda de prensa que Estévez, que entra na Corporación para substituír a Isaura Abelairas (tras a súa elección como deputada do PSdeG no Parlamento galego) terá unha dedicación parcial, xa que “quere seguir no seu traballo”.

Así mesmo, Abel Caballero informou doutros “retoques” no seu equipo e sinalou que Abel Losada manterá as competencias en Cultura e Emprego (mentres que deixa Participación Cidadá). A concelleira María del Carmen Lago, que ata agora tiñas as áreas de Festas e Turismo, mantén Turismo e asume tamén Xuventude e o proxecto ‘Cíes Patrimonio da Humanidade’.

Gorka Gómez deixa as responsabilidades de Xuventude para centrarse na súa outra área, Educación, e no seu labor na Deputación de Pontevedra (na área de Deportes). “Está sobresaturado”, recoñeceu Abel Caballero, quen lembrou a relevancia e consecuencias que a pandemia de COVID tivo no ámbito educativo.

Outra as áreas que maior esforzo fixo nos últimos meses, e que segue cargada de traballo, é a de Benestar Social, por iso a edil Yolanda Díaz encargarase en exclusiva deste ámbito, deixando as súas responsabilidades no proxecto ‘Cíes Patrimonio da Humanidade’. “A dedicación e o tamaño desta área é moi superior á que nunca foi”, explicou o alcalde.