InicioSociedadeAsí será a reforzada oferta académica da Universidade de Vigo para o...

Así será a reforzada oferta académica da Universidade de Vigo para o próximo curso

Tres programas de simultaneidade e un grao con modalidade virtual, as novidades para o vindeiro curso.

PUBLICADO O

A Universidade de Vigo afronta o próximo curso 2020/2021 coa implantación de tres novos programas simultaneidade, cun total de 22 prazas, que xorden co obxectivo decubrir as demandas da sociedade e do mercado laboral actual: Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática, Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría Mecánica, e Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática.

“Os dobres graos, aínda que non se trata de titulacións propiamente ditas, xa que son programas de estudo formados por titulacións existentes, supoñen unha oferta atractiva para o alumnado, tal e como demostran as notas de corte de entrada dos que xa se ofertan. O atractivo é obvio, obter dúas titulacións de grao, co plus que iso supón para o currículo e para a formación do alumnado, que ten un carácter máis disciplinario”, detalla o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos.

Estas novas titulacións permitirán formar profesionais altamente cualificados, cun perfil tecnolóxico moi valorado no mercado laboral actual, respondendo a demanda de persoas tituladas en áreas moi especializadas e do ámbito das STEAM. Estes programas de simultaneidade veñen a reforzar a actual oferta formativa dunha institución nova, que soubo adaptarse aos novos requirimentos do estudantado en canto a saídas profesionais.

Así mesmo, o vindeiro curso, o Grao en Dirección e Xestión Pública, impartido no campus de Pontevedra, converterase no primeiro do Sistema Universitario de Galicia (SUG) en contar cunha modalidade virtual, para a que se ofertan 20 prazas, que se suman ás 25 do modo presencial.

Deste xeito, a oferta académica da Universidade de Vigo no curso 2020/2021 contará cun total de 61 graos, 58 mestrados e 39 programas de doutoramento de todas as ramas do coñecemento.

Con 30 anos de experiencia acumulada, a universidade do sur de Galicia, con tres campus nas cidades de Vigo, Ourense e Pontevedra, logrou o recoñecemento nacional e internacional, avalado por clasificacións como Shangai (ARWU), que a sitúa entre as institucións académicas de referencia en 12 categorías, destacando a posición que ocupa nos ámbitos de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, entre as 75 mellores do mundo, e no de Oceanografía, eido en que figura entre as 100 primeiras. Vigo atópase así mesmo, entre as 200 mellores universidades en Enxeñaría de Telecomunicación, entre as 300 primeiras en Xestión Turística e entre as 500 mellores en Ciencias da Terra, Ecoloxía, Ciencias Atmosféricas, Enxeñaría Eléctrica e Electrónica, Enxeñaría Química, Ciencias e Enxeñaría da Enerxía, Biotecnoloxía e Ciencias Agrícolas.

NOVOS TEMPOS, NOVAS METODOLOXÍAS

A Universidade de Vigo demostra ser unha institución innovadora e dinámica, adaptada aos novos tempos, que ofrece novas metodoloxías docentes grazas ao emprego de plataformas de teledocencia como Campus Remoto, que permite realizar aulas virtuais en directo, co obxectivo de garantir a docencia e a avaliación en tempos de pandemia. Este xemelgo virtual da estrutura docente da Universidade, sobre unha plataforma propia baseada en código aberto Big Blue Button (BBB), algo que moi poucas universidades lograron, é o complemento perfecto para unha institución de educación presencial, que comezará o vindeiro curso, a pesares das restricións introducidas pola covid-19, con 10 graos e 24 mestrados dun xeito totalmente presencial. “Isto é un activo da nosa Universidade”, salienta o reitor, Manuel Reigosa, que recorda que, naqueles outros casos nos que a presencialidade “non é posible polo número de estudantes e o tamaño das aulas”, optarase por un modelo mixto en que o alumnado poida seguir as clases tanto desde a aula como desde as súas casas a través de Campus Integra, que permitirá o desenvolvemento da docencia mixta, “o máis semellante posible á presencial”, de tal xeito que aqueles que teñan que seguir desde as súas casas “aulas teóricas e mesmo algúns seminarios”, poidan tamén interactuar co profesorado e os seus compañeiros e compañeiras.

OUTRAS VANTAXES

Coa finalidade de facilitarlle unha formación integral ao estudantado, a Universidade de Vigo conta con programas e servizos que atenden os requirimentos do alumnado con necesidades especiais e garanten a igualdade, ademais dunha ampla oferta de servizos complementarios. Dunha banda, o Centro de Linguas é un referente do ensino de linguas e na acreditación de nivel de idioma, ao estar certificado por entidades como o Instituto Cervantes, ACLES ou TOEFL. Inglés, francés, alemán, portugués e italiano, pero tamén chinés, persa, xaponés, árabe ou ruso, conforman o completo catálogo de idiomas ofertados para contribuír á calidade na docencia e á internacionalización da UVigo.

Doutra banda, a Área de Benestar, Saúde e Deporte favorece a adquisición de hábitos saudables entre a comunidade universitaria nos ámbitos da alimentación, a actividade física, e a saúde psicosocial. Nesta liña, o estudantado ten á súa disposición diferentes servizos de nutrición e dietética, fisioterapia, medicina deportiva ou consulta psicopedagóxica que axudan a facilitar a súa experiencia no campus universitario.

Ademais, a UVigo conta cun Servizo de Axudas ao Estudo, Bolsas e Prezos Públicos que supón un grande apoio para o alumnado na xestión de bolsas e na resolución de posibles incidencias.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...