Caballero anuncia un plan de reactivación para “mobilizar 1.000 millóns”

"De onde saquemos o diñeiro é cousa miña, eu o que digo é que vou facer todo iso", di ao redor do financiamento.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, durante a rolda de prensa deste venres. CONCELLO DE VIGO

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este xoves un plan de reconstrución e reactivación da economía da cidade, que permitirá “mobilizar 1.000 millóns de euros”, por parte do Concello, Deputación de Pontevedra e Goberno de España, e do que unha parte, 250 millóns serán investimentos para obra pública, mentres que o resto de achegas económicas non foron concretadas.

Nunha rolda de prensa, o rexedor avanzou que ese plan contempla actuacións a curto e medio prazo, que bautizou como “cuarta xeración das humanizacións” e que inclúe decenas de obras, algunhas novas e moitas delas xa en marcha ou anunciadas desde hai tempo: reforma da Avenida de Madrid, carril-bici a Samil, anel verde forestal, un paseo por todo o río Lagares, reforma da Panificadora, novos ascensores e ramplas, a reforma do estadio de Balaídos, a biblioteca do Estado e a biblioteca municipal en Teis, reformas no rural, o novo parque de bombeiros en Esturáns, ou melloras en instalacións deportivas.

Segundo admitiu Caballero, máis dun terzo das actuacións “xa teñen os proxectos feitos” e, no marco do plan de recuperación económica, o que se fará será “acelerar” as obras.

O alcalde tamén incluíu nas actuacións outras obras cuxa tramitación xa está avanzada, e nas que colabora o Goberno de España, como os accesos ao complexo intermodal de Urzáiz; ou impulsadas desde a Zona Franca, como o World Car Center, anunciado hai máis dun ano.

Por outra banda, o goberno tamén poñerá en marcha medidas para apoiar o pequeno comercio, como unha plataforma de venda en liña, campañas de dinamización e promoción, bonificacións de impostos, ou incentivos para contratar, aínda que non concretou o custo destas medidas.

A todo isto, sumar, segundo indicou o alcalde, un plan de mobilización cultural, un aumento do apoio a entidades deportivas, ou un incremento en políticas sociais (axudas urxentes, voluntariado, teleasistencia, tramitación do Ingreso Mínimo Vital, apoio a comedores sociais, etc.).

Cuestionado acerca de como se financiarán todas esas actuacións, Abel Caballero eludiu concretar o custo de gran parte das obras, e limitouse a proclamar: “De onde saquemos o diñeiro é cousa miña, eu o que digo é que vou facer todo iso”.

Finalmente, o rexedor reiterou que esa recuperación económica será “liderada” polo Concello cos seus “aliados” da Deputación e o Goberno central, mentres que a Xunta de Galicia “non só non é aliada, senón que é un factor de impedimento do desenvolvemento da cidade”.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Os grupos da oposición no Concello de Vigo tacharon de “fume” e “propaganda” o plan de reconstrución económica anunciado polo alcalde.

O portavoz do grupo municipal do PP, Alfonso Marnotes, cualificou como “tomadura de pelo” o anuncio do rexedor, por incluír nese plan proxectos como a reforma da bancada de Marcador en Balaídos, ou a Biblioteca do Estado, actuacións das que leva “falando anos”. “Non hai axudas para os cidadáns, nin para pemes ou autónomos. Isto non é máis que un ‘refrito’ de obras que levan anunciando en Vigo ano tras ano, e pónselles agora o envoltorio dun plan de reactivación económica”, resolveu.

Na mesma liña, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, cualificado o plan como “fume”, porque Abel Caballero non concretou “nin partidas orzamentarias nin prazos”. Ademais, incidiu, presentou investimentos en proxectos que “xa saíron varias veces nos orzamentos e non foron executados”. “De onde van saír eses 1.000 millóns? (…) Palabras elocuentes xa tivemos moitas veces, e quedan no papel”, denunciou Rubén Pérez.

Finalmente, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, reduciu o plan de reconstrución a unha “longa lista de desexos” enunciada polo alcalde, que inclúe obras “xa previstas” desde hai tempo, pero na que non se detallan prazos nin partidas orzamentarias. “É fácil anunciar nunha semana electoral investimentos por 1.000 millóns sen ningún tipo de concreción”, apostilou.

O edil nacionalista lamentou que non se puxeron en marcha medidas como un plan de protección social para as persoas máis vulnerables, unha estratexia de promoción local, apoio a comerciantes ou un reforzo dos plans municipais de emprego.