InicioPolíticaFeijóo defende o bono turístico a sanitarios: "É simplemente unha chiscadela"

Feijóo defende o bono turístico a sanitarios: “É simplemente unha chiscadela”

Avanza que o Fondo de proxectos para inxectar liquidez inmediata ás industrias culturais ampliarase ata os 2,5 millóns de euros.

PUBLICADO O

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, defendeu ante representantes do sector o polémico bono turístico de 250 euros para gastos en hoteis e restaurantes por parte de sanitarios e outros profesionais que combateron a pandemia; á vez que avanzou que o próximo Xacobeo de 2021 non será, pola conxuntura, “o mellor da historia”, pero si “o máis necesario”.

Nun acto sectorial de turismo en Vigo, Feijóo agradeceu ao sector que “valorase” o bono anunciado pola Xunta. “Fixémolo para vostedes, temos que incentivar a demanda“, esgrimiu, en relación a unha medida que provocou o rexeitamento de varias asociacións de sanitarios e do ámbito do traballo social.

Respecto diso, o aspirante popular aclarou que o feito de que se destinase “aos colectivos que máis traballaron durante a pandemia” é “simplemente unha chiscadela”, non “un pago nin unha retribución por nada”. “Parécenos que a xente que se xogou a vida pode pasar un fin de semana nun hotel de catro ou cinco estrelas, nos mellores hoteis de Galicia”, subliñou.

De feito, apostou por que, se hai “máis diñeiro” se invista máis en medidas deste tipo encamiñadas a incentivar a demanda. “Se o temos, cando acabe a tempada alta e empezo a baixa temos que meter máis diñeiro porque o diñeiro que metamos será nóminas e IVE”, salientou, antes de advertir da importancia de que “funcione” o turismo para que “funcione” a reactivación económica.

Precisamente, entre outras medidas ás que os populares conceden relevancia para reactivar o sector situou a implantación dun IVE reducido para o turismo.

No acto, que arrincou a candidata Corina Porro e no que tamén interviñeron representantes do sector, Feijóo resaltou a importancia do Xacobeo. Previamente, o tamén aspirante por Pontevedra e conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, apelara a “unha participación masiva” do sector no Xacobeo.

FONDO DE PROXECTOS CULTURAIS

Feijóo resaltou que Galicia foi a primeira comunidade en dotarse cun plan para reactivar a cultura e o turismo, que se programaron máis de 1.200 actividades culturais e que se puxo en marcha o Fondo de proxectos culturais para inxectar liquidez inmediata ás industrias culturais. De feito, avanzou que se ampliará ata os 2,5 millóns de euros.

O dirixente popular tamén subliñou que se abriu a convocatoria dunha nova edición do programa ‘Cultura no Camiño’.

Así mesmo, incidiu en que este plan de reactivación tamén ten no foco as industrias culturais, para o que se conta cunha liña de axudas para a adaptación dos espazos e equipos aos novos requisitos de seguridade, e asínanse convenios específicos para a adaptación de formatos, creación de novos produtos turísticos, da dixitalización ou novas plataformas de comercialización, entre outros.

UNHA XESTIÓN “SERIA” DA PANDEMIA

Feijóo reivindicou reiteradamente, durante a súa intervención, a importancia da “seguridade” sanitaria e situou o Hospital Álvaro Cunqueiro como “a mellor carta de presentación” para o turismo, do mesmo xeito que a nova depuradora e unha ría “saneada”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...