O Concello de Vigo ‘perdoa’ a taxa da auga aos negocios que pecharon no confinamento

Abel Caballero anunciou tamén estes días a condonación de recibo do lixo a pequenos negocios.

Preparando o negocio para a apertura logo do confinamento © Miguel Núñez

O Concello de Vigo condonará a parte do recibo da auga correspondente á taxa municipal a todos aqueles pequenos negocios e autónomos (hostaleiros, comerciantes, etc.) que tivesen que pechar durante o estado de alarma debido á pandemia de coronavirus.

Así o anunciou en roda o alcalde, Abel Caballero, quen precisou que a administración municipal será a que abone á concesionaria Aqualia esa parte do recibo, mentres que os usuarios só terán que pagar a parte correspondente ao canon autonómico, porque “a Xunta segue cobrando”.

Abel Caballero, que nas últimas horas xa anunciara a condonación de recibo do lixo a estes pequenos negocios (durante os días que estiveron pechados), sinalou que, no caso da taxa da auga, devolveranse os importes correspondentes ao período de estado de alarma que xa fosen cobrados.