InicioPolíticaAbel Caballero anuncia un investimento "multimillonario" nunha nova potabilizadora

Abel Caballero anuncia un investimento “multimillonario” nunha nova potabilizadora

O alcalde asegura que a actual ETAP "funciona marabillosamente" pero quere "adiantarse" porque "o consumo crece"

PUBLICADO O

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este martes a construción dunha nova estación potabilizadora (ETAP) na cidade, que requirirá un investimento “multimillonario” e que fará que a auga da traída sexa “aínda mellor”.

Así o trasladou o rexedor olívico nunha rolda de prensa, na que afirmou que o goberno local xa remitiu á Xunta o proxecto, e na que, aínda que non aventurou prazos, expresou o seu desexo de que a nova infraestrutura poida estar finalizada no actual mandato municipal (que acaba en 2023).

Abel Caballero lembrou que, cando chegou ao goberno vigués, herdou unha estación potabilizadora (a do Casal) “antiga” e expresou o seu desexo de “facer unha nova”. “Quero que Vigo teña a mellor auga, e cunha nova potabilizadora será aínda mellor do que xa é”, proclamou.

O alcalde non precisou que investimento será necesario, aínda que subliñou que será “multimillonaria”, e confirmou que o Concello se fará cargo desa infraestrutura hidráulica a pesar de que “debería facela a Xunta”.

“FUNCIONA MARABILLOSAMENTE”

Cuestionado polos medios acerca da decisión, neste momento, de acometer ese importante investimento, tendo en conta de que o propio alcalde sinalaba, a finais de 2017, que a ampliación da ETAP non era necesaria, Abel Caballero precisou que a actual potabilizadora “funciona marabillosamente ben”.

No entanto, engadiu, esta infraestrutura non está pensada para dar servizo a outros municipios como Cangas ou Moaña, “e o consumo está a crecer”. “Necesitamos adiantarnos ao que poida pasar en 5 ou 6 anos. Se a Xunta non a fai, eu non serei o que condene a Vigo a ter unha potabilizadora insuficiente. Estou a adiantarme aos feitos, porque son un bo alcalde“, proclamou.

FUNCIONAMENTO DO SERVIZO

A ampliación da actual ETAP do Casal estivo de actualidade en varias ocasións nos últimos anos. De feito, existe un informe do xefe da área municipal de Servizos Xerais, de outubro de 2010, no que concluía que o servizo municipal de augas tiña, xa nese momento, unhas necesidades de investimento en infraestruturas de 458 millóns de euros. Así, entre os investimentos que se consideraban urxentes (a acometer no prazo dun ano) estaba a ampliación e modernización da ETAP do Casal, por un importe de 21,6 millóns de euros.

En 2011, o goberno vigués aprobou prorrogar a concesión do servizo de abastecemento a Aqualia (ata 2020) e, no devandito acordo, estableceuse o compromiso por parte da empresa de acometer un plan de investimentos na cidade, valorado nuns 20 millóns de euros. No entanto, a modernización da ETAP non estaba incluída nas actuacións previstas, como si estaban obras de humanización, melloras en abastecemento, un ‘plan verde’, e outras actuacións.

En setembro de 2012, a Xunta anunciou un acordo co Ministerio de Medio Ambiente para realizar esa obra, a pesar de que a instalación é de titularidade municipal, pero a ampliación non chegou a materializarse. Posteriormente, o goberno municipal solicitou, sen éxito, que a Xunta se fixese cargo dese proxecto.

No outono de 2017, a cidade viuse afectada por un período de seca que rebaixou o nivel da auga da presa de Eiras a mínimos. Esa circunstancia incidiu na calidade da auga (aínda que non deixou de ser potable) pero Abel Caballero asegurou que a potabilizadora funcionaba de “forma óptima” e que, “en condicións normais”, era capaz de tratar a auga para Vigo, Moaña, Cangas e Redondela”.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Os grupos da oposición no Concello de Vigo criticaron este anuncio e lamentaron que esa mellora chega “tarde”, nun anuncio “sen prazos e sen orzamento”.

O portavoz do grupo municipal do PP, Alfonso Marnotes, lembrou que “ese investimento se tiña que facer hai moito tempo” porque a ETAP do Casal “está obsoleta”. “Levamos anos dicindo que en Vigo hai un problema de calidade da auga”, apostilou. A ese respecto, apuntou que, cando o nivel da presa de Eiras está por baixo do 50 %, a ETAP “non é capaz de tratar” de forma adecuada a auga, e celebrou que “por fin” o alcalde se deu conta da necesidade de modernizar esa infraestrutura hidráulica, aínda que fose “tarde”.

O portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, referiuse ao informe municipal de 2010, no que xa se advertía da necesidade de ampliar a ETAP e censurou que, cando o goberno de Abel Caballero decidiu prorrogar a concesión a Aqualia (ata 2020) a cambio dun plan de investimentos, “xa era consciente de que eses millóns se tiñan que usar para renovar a rede e a potabilizadora”.

“Pero decidiuse que ese diñeiro era mellor usalo na expropiación dos terreos da nova depuradora, en ‘dinosetos’, beirarrúas e nun ‘plan verde'”, criticou, á vez que lembrou que o goberno local tamén é “consciente” de que esa actuación debe acometela o Concello, por ser unha infraestrutura de titularidade municipal. “Fixo perder diñeiro e tempo á cidade, e cando a Marea pediu facer esa obra, acusóusenos de querer branquexar o PP (…) Non hai argumentos para abordala agora e non no seu día, pero o alcalde cre que os vigueses temos memoria de peixe”, sentenciou.

Finalmente, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, sinalou que a ETAP de Vigo “leva máis dunha década en situación límite” e volveu a reclamar que Concello e Xunta cooperen para modernizala e garantir un servizo esencial como é o abastecemento de auga. En todo caso, Pérez Igrexas apuntou que o anuncio do alcalde se fixo “no baleiro”, posto que carece de “prazos” e “partida orzamentaria”. “O que nos gustaría que anunciase Abel Caballero é unha auditoría para coñecer o estado real da rede de subministración (…) e que poña en marcha dunha vez un plan de xestión eficiente da auga, como paso previo á remunicipalización do servizo”, resolveu o edil nacionalista.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...