InicioPolíticaPontón pide dar "un gran salto adiante", cun novo financiamento que dea...

Pontón pide dar “un gran salto adiante”, cun novo financiamento que dea a Galicia “a chave” dos seus recursos

A líder do Bloque pide nun acto en Vigo confiar nas "capacidades" do país, tras anos de "submisión e dependencia de Madrid" por parte de Feijóo.

PUBLICADO O

A portavoz nacional do BNG e candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, proclamou que “é o momento de dar un gran salto adiante” e apostar por un “concerto económico” que permita a Galicia ter “a chave” dos seus propios recursos, un cambio “clave” para encarar a recuperación económica e dos servizos públicos no escenario de crise provocada pola pandemia de coronavirus.

Así o trasladou nun acto en Vigo, no que deu a coñecer as principais propostas económicas do BNG de face aos comicios do 12 de xullo.

A candidata subliñou que un novo modelo de financiamento será “clave” para Galicia, e lembrou que “hai 11 anos, Feijóo asinou un modelo que discrimina” o país “e nunca moveu un dedo por cambialo”. Por iso, apostou por un concerto económico que posibilite poder recadar todos os impostos que se xeran en Galicia, e “ter a chave dese diñeiro para destinar recursos a fortalecer a sanidade, a educación ou para a reconstrución económica”.

Segundo incidiu, esa é “a mellor alternativa”, porque permitiría a Galicia dispor cada ano de 3.500 millóns de euros adicionais, e tamén permitiría ter “unha fiscalidade máis xusta e adaptada á realidade do país”.

Pontón sinalou que en Navarra ou País Vasco, que contan con concerto económico propio, “ningún partido político cuestiona o modelo” porque saben que é “clave para desenvolver o seu estado de benestar”.

“Nun momento en que hai que reforzar o público, necesitamos acompañar o autogoberno no plano político dun autogoberno financeiro, e acabar co centralismo financeiro. A experiencia dinos que, cando os fondos se distribúen desde Madrid, Galicia sempre sae prexudicada”, aseverou.

OUTRAS MEDIDAS

Por outra banda, a candidata do BNG proclamou que, se chega á presidencia da Xunta, a súa “primeira decisión” será “convocar un gran acordo de país”, cos partidos, organizacións económicas, universidades, sindicatos e institucións locais para reactivar a economía e “pór en marcha un motor que está parado”.

Para iso, enumerou algunhas propostas, como duplicar en 4 anos o investimento en I+D+i, ata alcanzar o 2,5 % do PIB; ou a posta en marcha dunha institución de captación e retención de talento investigador (InnoGal) seguindo modelos xa probados en Cataluña (Icrea) ou País Vasco (Ikerbasque).

Así mesmo, apostou pola creación dunha tarifa eléctrica galega para empresas e familias; recalcou a importancia de contar cun sector público “potente” que “acelere” a reactivación económica; e propuxo un proxecto económico sustentable, que deixe atrás o actual “modelo depredador”.

Finalmente, Ana Pontón insistiu en que Galicia necesita unha presidenta que confíe “nas capacidades” do país, cun proxecto “modernizador” e que acabe “con tantos anos de submisión e dependencia de Madrid, que deixaron a Galicia na irrelevancia”.

A ese respecto, criticou a “folla de servizos” de Feijóo, que pasou “do servilismo inútil” (co Goberno central do PP) a unha “confrontación igual de inútil” (co actual Executivo).

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...