InicioPolíticaO pleno do Concello pide a dimisión de Almuíña polo cheque sanitario:...

O pleno do Concello pide a dimisión de Almuíña polo cheque sanitario: “é esmola”

Só se mantivo á marxe ó PP, que defendeu a "magnífica xestión" da Feijóo durante a pandemia.

PUBLICADO O

O Pleno do Concello de Vigo aprobou este mércores unha moción do grupo socialista (cos votos favorables de todos os partidos, e o único voto contrario do grupo do PP) na que se insta ao presidente da Xunta a “rectificar” a iniciativa de ofrecer un bono de 250 euros a sanitarios para gastos en sector hostaleiro e turístico, e a cesar ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña.

O portavoz do grupo do PSOE, Carlos López Font, defendeu a moción denunciando os recortes en Sanidade do goberno autonómico do PP, e lamentou que “agora sae coa ocorrencia” deste bono, que cualificou como un “cheque-regalo”. O voceiro subliñou o rexeitamento unánime dos colectivos logo de múltiples demandas para mellorar as condicións de traballo e contratación: “o único que buscan é o rédito electoral, levan no seu ADN ir en contra do persoal sanitario”, proclamou o edil socialista que chamou a “depurar responsabilidades” e instou ó cesamento de Vázquez Almuíña, que “non merece estar no Parlamento galego”.

Tanto os concelleiros de Marea de Vigo como de BNG coincidiron en criticar esa iniciativa da Xunta, que tacharon de “cheque esmola”. Así o manifestou a concelleira de Marea, Oriana Méndez, quen advertiu de que ese bono “propagandístico” é “un insulto” aos traballadores sanitarios “de quen non pode disimular o seu desprezo aos servizos públicos”; e, na mesma liña, o nacionalista Xabier Pérez Igrexas fixo fincapé en que “o que merece” o persoal sanitario é que se revertan os recortes, que se integre Povisa na sanidade pública ou que se reforce a Atención Primaria.

“MAGNÍFICA XESTIÓN”

Pola súa banda, o grupo municipal do PP defendeu a “magnífica xestión” da pandemia por parte da Xunta e, en concreto, de “Vázquez Almuíña e o seu equipo”. “O doutor Simón e cargos do PSOE felicitárono, e felicitaron ao Sergas”, lembrou a edila ‘popular’ Teresa Egerique. A representante do PP lembrou que xa Feijóo e Almuíña “pediron desculpas” polo malestar que xerou ese cheque, que é un bono “voluntario” iniciativa da Consellería de Cultura e Turismo. Trátase dunha medida, recalcou, “para reactivar un sector (o do turismo e hostalaría)” que o Concello de Vigo, por exemplo, “deixaron tirado”.

RECONSTRUCIÓN POSTCOVID

Por outra banda, o Pleno tamén deu luz verde, coa abstención do PSOE e os votos favorables do resto de grupos, a unha moción de Marea de Vigo para impulsar axudas aos pequenos comercios e á hostalaría da cidade. O portavoz deste grupo, Rubén Pérez, lamentou que Vigo “a única cidade” de entre as grandes de Galicia que non habilitou axudas para estes sectores, e que desatendeu as reclamacións de 16 asociacións que piden apoio para a reactivación dos negocios.

A iniciativa contou co respaldo de BNG (ao que se lle aceptou unha emenda con medidas concretas de apoio ) e PP, mentres que o grupo de goberno abstívose, e xustificou a súa posición no feito de que as competencias en materia de comercio son da Xunta. O edil responsable desta área, Anxo Rivas, puxo en valor a “defensa” que o goberno local fixo deste sector, con iniciativas como as campañas do Nadal, e cuestionou a ausencia da Xunta para reactivar o comercio e a hostalaría. Ademais, asegurou que o Concello porá en marcha un plan de dinamización “que será o máis importante de Galicia”.

ÚLTIMAS

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...

Vallejo Torres toma posesión como novo fiscal xefe de Vigo, co compromiso da protección “aos máis vulnerables”

Óscar Vladimir Vallejo Torres tomou este venres posesión do seu cargo como novo fiscal...