Feijóo condiciona participar noutro debate a que “o multipartito elixa un candidato”

O líder do PPdeG considera que "se falou moito de Feijóo", mentres el quixo falar "de Galicia" no debate deste luns na CRTVG.

Mitin de Alberto Núñez Feijóo en Vigo © Miguel Núñez

O presidente da Xunta e candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, condicionou a súa eventual participación noutro debate electoral a que o resto de partidos que conformarían un “multipartito” cheguen a un acordo para presentar un único candidato.

Así o trasladou a preguntas dos medios, antes de participar nun xantar-coloquio con empresarios en Vigo, e despois de que a candidata do BNG, Ana Pontón, o retase a participar en máis debates porque, tras o celebrado este luns, quedaron “moitas cousas por abordar”.

Ante ese “reto”, Feijóo afirmou que, “se o multipartito ten un candidato para estas eleccións”, el estaría “en disposición de facer un cara a cara”. Segundo insistiu, debería haber un “acordo explícito” entre todos eses partidos e, nese caso, “poderíase articular un novo debate”.

En todo caso, recalcou que a petición de que participe en varias confrontacións “é un clásico”, e que el xa se someteu ao debate da CRTVG, “como é habitual desde hai décadas en Galicia”.

Precisamente, con respecto a ese debate electoral ‘a sete’ celebrado este luns e organizado pola radiotelevisión pública, o líder do PPdeG constatou que “se falou moito de Feijóo”, mentres el quixo falar “de Galicia”. Na súa opinión, o que puido verse foron “catro candidatos que representaban a 10 partidos”, cuxo único obxectivo común é evitar que o PP volva presidir a Xunta, e a outros dous candidatos (en alusión a Ciudadanos e Vox) de partidos aos que, se se lles vota, “se restan posibilidades ao PP”.

Fronte a estas propostas, Feijóo defendeu o seu discurso, de trasladar o seu “compromiso político con Galicia” e de “falar aos galegos”, e referiuse ao ton do debate: “Non me insultaron máis que outras veces, mantiveron o ton dos últimos anos”.

COLEXIOS SEGUROS

Alberto Núñez Feijóo volveu insistir este martes en que os colexios electorais de Galicia “son seguros” e foron inspeccionados, e pediu, “en nome da democracia”, que os membros das mesas acudan a desempeñar o seu labor “con tranquilidade”. Polo menos na cidade olívica rexistrouse un elevado número de renuncias por parte das persoas seleccionadas por sorteo para formar parte desas mesas electorais.

“Asegúrolles que non van correr riscos”, proclamou o candidato ‘popular’, quen insistiu en que os membros das mesas electorais disporán de “todo o material”: máscaras, pantallas, xel hidroalcohólico, e terán espazo para gardar as distancias.

“MODELO DE CONVIVENCIA PROBADO”

Por outra banda, e con respecto á súa intervención ante os empresarios, Feijóo sinalou que lles trasladará a importancia da “encrucillada” á que se enfronta Galicia o próximo 12 de xullo, e repetiu a súa mensaxe de que haberá que elixir entre “un goberno” que ofrece “experiencia, certidumbre e confianza”, e un “multipartito” que supón “experimentos, incerteza e desconfianza”.

Así, tras volver advertir das consecuencias da pandemia de coronavirus no tecido socioeconómico, subliñou que “é un requisito básico” para que Galicia poida “saír adiante” o apostar por un “modelo de convivencia probado, que non ten máis obxectivo que manter ao pobo unido”, como é o modelo do PPdeG.

Por contra, alertou contra “modelos importados”, como o “nacionalismo rupturista” que se practica, ao seu xuízo, en comunidades como Cataluña, ou como o “socialismo populista” do actual Goberno de España. Así mesmo, alertou contra o risco de que a reconstrución sexa abordada por un goberno galego que ten que “coordinarse e entenderse”.

Feijóo puxo en valor a súa xestión dos últimos anos e as iniciativas do seu goberno na cidade de Vigo, entre elas a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro, sen o cal “non habería capacidade para facer fronte á pandemia”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here