Campaña electoral: o ministro de Cultura di ter un “compromiso firme” coa construción da biblioteca do Estado en Vigo

"Pelexaremos os orzamentos e daremos todos os pasos para que esta biblioteca sexa unha realidade", di José Manuel Rodríguez Uribes.

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero; o ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes; o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva / © Miguel Núñez.

O ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, trasladou este venres o seu “compromiso firme” coa construción da biblioteca do Estado en Vigo.

“Pelexaremos os orzamentos e daremos todos os pasos para que esta biblioteca sexa unha realidade”, trasladoulle o ministro ao alcalde, Abel Caballero, durante unha visita a Vigo para apoiar a candidatura do líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, á Presidencia da Xunta.

Na súa intervención, Rodríguez Uribes considerou necesario fomentar a lectura, fin para o que asegurou que se necesita “tempo” pero tamén “espazos” como o que se habilitará nesta biblioteca.

Ademais, na súa visita á cidade e antes de participar nun mitin en Redondela en apoio ao aspirante socialista ás eleccións autonómicas, o ministro subliñou que o Executivo do Estado está “envorcado” coa cidade de Vigo e a súa cultura.