InicioEconomíaPorto de Vigo "non solicitou paralizar a liquidación de Vulcano", senón que...

Porto de Vigo “non solicitou paralizar a liquidación de Vulcano”, senón que fixo “unha alegación”

Asegura que polo momento "non se recibiu contestación" do xulgado.

PUBLICADO O

O presidente do Porto de Vigo, Enrique López Veiga, matizou que, cando se dirixiu ao Xulgado Mercantil 3 de Pontevedra, non solicitou a paralización da liquidación de Vulcano, senón que presentou unha “alegación”.

O pasado 8 de maio, a Avogacía do Estado, en representación do Porto de Vigo, solicitou que se mantivese “en suspenso calquera actividade de execución do plan de liquidación sobre a concesión, en tanto non fose emitido polo Consello de Estado” o ditame sobre o expediente da extinción desta.

No entanto, preguntado durante unha rolda de prensa posterior á reunión mensual do Consello de Administración do Porto, celebrada en Vigo este venres, López Veiga aclarou que se presentou unha alegación, en lugar de solicitar a paralización da liquidación. Tamén indicou que “non se recibiu contestación” do xulgado respecto da “alegación” presentada.

Precisamente, en abril, sinalara que se “acataría” a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra que desestimaba o seu recurso sobre a concesión de dominio portuario do estaleiro Vulcano e avalaba que esta formase parte da unidade que se podía poxar no proceso de liquidación da empresa.

Así mesmo, este venres López Veiga subliñou que o Consello de Estado fixou un prazo de audiencia durante o que o Porto achegou a sentenza que indica que se pode proceder á poxa dos terreos pola vía correspondente.

Ademais, o presidente do Porto remarcou que a sentenza da Audiencia Provincial indica que “se pode poxar a parte privada (das instalacións de Vulcano) no estado no que estea”, polo que lembrou que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ao administrador concursal. “A Audiencia Provincial dixo que se podía poxar, pero o Porto non ten nada que dicir”, resaltou.

ÚLTIMAS

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

Vallejo Torres toma posesión como novo fiscal xefe de Vigo, co compromiso da protección “aos máis vulnerables”

Óscar Vladimir Vallejo Torres tomou este venres posesión do seu cargo como novo fiscal...

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Stellantis Vigo espera que o Perte se resolva “a final de mes”

O director da planta viguesa do grupo automobilístico Stellantis, Ignacio Bueno, ve "difícil" superar...