O alcalde de Vigo alaba o “código ético” do PSOE trala dimisión exprés de Màxim Huerta

Màxi Huerta /RTVE

O presidente da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) e alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, considerou que, coa súa dimisión como ministro de Cultura, Màxim Huerta, o Goberno “volveulle a dicir á poboación española que o código ético que o PSOE quere aplicar, aplícase”.

Así o trasladou este xoves en Vigo ao ser preguntado sobre estas cuestións, en relación ao que insistiu en que “Pedro Sánchez adquirira un compromiso público coa cidadanía dun código de actuación e ético, e aplicouno; e o ministro de forma inmediata e no prazo de moi pouquiñas horas, presentou a súa dimisión”.

Acto seguido, ao ser cuestionado sobre se cre que o Goberno xestionou ben a situación, respondeu aos xornalistas “en forma de pregunta”. “Cantas crises desta envergadura coñece vostede que se resolvesen escasamente en 10 horas, nomeamento alternativo incluído? Eu, ningunha”, sinalou.

“Na miña memoria política é a primeira vez que se resolve unha dimisión, un ministro que cesa e o nomeamento no escaso prazo de 10 horas”, remarcou, a colación do que concluíu que “se xestionou ben esta crise”.

Finalmente, ao ser cuestionado acerca de a que se debe o apoio do Goberno pola mañá e a dimisión de Huerta pola tarde, Caballero dixo descoñecelo. “Eu a isto non lle podo contestar porque non son o presidente do Goberno, nin sequera o ministro que falou. Son o alcalde de Vigo e presidente da FEMP e non podo contestar a iso aínda que quixera”, selou.