Caballero cre que o plan do Goberno para a automoción é “importante” para o sector

No entanto, o alcalde vigués volveu a asegurar que o Goberno galego non destinou "nada" dos fondos recibidos á cidade olívica.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, durante a rolda de prensa deste luns

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, valorou o anuncio dun plan especial para a automoción impulsado polo Goberno que se aprobará nos próximos días e destacou que resulta “importante” para a urbe dada a presenza do sector na mesma.

Nunha rolda de prensa celebrada este luns na cidade olívica, sinalou que esta medida foi unha das primeiras adoptadas no marco do proceso de reconstrución económica polo Executivo central “despois da atención a pemes e autónomos, o comercio e a hostalaría”.

Do mesmo xeito, o rexedor lembrou que o Goberno tamén adoptou medidas que benefician á cidade e referiuse de modo concreto ao anuncio do fondo de 16.000 millóns de euros do que se dotará ás comunidades para a súa reconstrución, así como aos 22 millóns de euros transferidos á Xunta para dar resposta ás necesidades sociais xurdidas no marco da pandemia.

No entanto, Abel Caballero volveu a asegurar que o Goberno galego non destinou “nada” dos fondos recibidos á cidade olívica.