InicioSociedadeCondenan unha promotora dun edificio de Vigo a sufragar a reparación dos...

Condenan unha promotora dun edificio de Vigo a sufragar a reparación dos danos causados en inmobles lindeiros

O xuíz culpa a promotora e os arquitectos responsables de proxecto e obra pola forma de realizar a escavación, orixe dos danos.

PUBLICADO O

O Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Vigo condenou á promotora dun edificio de vivendas da cidade olívica a sufragar os custos de reparación dos danos causados en tres inmobles colidantes durante a construción do bloque, situado na rúa Couto Piñeiro.

Nunha sentenza emitida o 28 de maio, o xulgado acepta de forma parcial a demanda presentada polas comunidades de propietarios dos edificios número 18, 20 e 22 da rúa Colombia, que denunciaron a aparación de danos no inmoble como fisuras e desprendementos a partir de xuño de 2010.

O maxistrado Manuel Ángel Pereira Costas considera que a causa principal dos danos foi “a descomprensión do terreo polo emprego de ancoraxes para soster os muros pantalla e o muro descendente”, un sistema que non estaba recomendado no estudo xeotécnico do proxecto.

Por iso, o xuíz, que sinala na súa sentenza que o Concello de Vigo requiriu expresamente á promotora que adoptase medidas urxentes de seguridade nos edificios afectados pola construción do bloque, considera que os arquitectos e directores de obra “dificilmente poderían eludir” a responsabilidade pola elección do devandito sistema para os muros.

Deste xeito, condena á promotora do inmoble e a dous arquitectos –responsables de proxecto e dirección de obra– e ás súas compañías aseguradoras a sufragar os traballos para a reparación dos danos sufridos nos tres edificios, detallados en dous informes realizados por un perito xudicial.

Así as cousas, o titular do Xulgado de Primeira Instancia número de 4 considera que a promotora “debía e tiña” que estar ao tanto das implicacións e riscos que o seu proxecto tiña para os inmobles da contorna.

“A final de contas, non deixou de tratarse dunha actividade que despregou no seu propio beneficio. Sendo razoable que, de derivar algún tipo de risco para calquera persoa, houbese de asumir as súas consecuencias, pois sempre tería a alternativa de non acometer a construción do edificio”, determina o maxistrado.

A demanda dos propietarios tamén ía dirixida contra o arquitecto técnico do proxecto, a empresa de escavación e a construtora; pero todos eles foron absoltos ao entender o xuíz que ningún tivo responsabilidade nos fallos cometidos durante o proceso de escavación, orixe dos problemas causados nos inmobles afectados.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...