CRÓNICA | Así foi o accidente do Alvia desde dentro..Quince segundos que ficarán de por vida

As limitacións da sorte non son plausibles. Este é un relato en primeira persoa do acontecido durante o accidente do tren Alvia Vigo-Madrid do martes 2 de xuño.

Son as 11:20h. Chego á estación de trens de Vigo-Guixar para ir a Madrid por motivos laborais. “Non vos quitedes ás máscaras ata chegar á estación de destino”, advirte un garda de seguridade antes de entrar ao tren. Subo ao primeiro vagón, o que está máis preto dos maquinistas. “Ides a estar separados para cumplir a distancia de seguridade, evitade os paseos polo tren na medida do posible”, informa un revisor da Renfe.

Nas primeiras horas todo sucede con normalidade: ler un libro, consultar o teléfono e xantar algo. Como, boto unha sesta e esperto sobre as 15:45h. No que espabilo, doume conta de que xa non estamos en Galiza. 

Ás 16:00h saímos dun túnel e, coa luz, empezan a chegar algo semellante a rochas negras contra o tren. Cada vez son máis e impactan contra os cristais. O vagón empeza a temblar moito. Notamos como desencarrila o tren e o vagón avanza ladeado. Hai gritos dos pasaxeiros. Fágome unha bola e aparto da fiestra do tren.

Daste de conta que, neses intres, a túa vida non depende de ti. “E ata aquí”, era o único no que pensaba mentres aumentaban os temblores na maquinaria e os gritos na xente. Non miras a ninguén, pero notas como aumenta o nerviosismo nos pasaxeiros. O -tamén- Alvia de Angrois venme á cabeza ininterrumpidamente mentres penso en non poder despedirme dos meus, pero en todos á vez, sen personificar en ninguén.

O tren frea. 

-“Estades todos ben?”, preguntámosnos á vez. 

-“Sí, polos pelos”, escóitaselle a unha rapaza.

-“Que é ese vagón que se ve fóra?”, pregunta un pasaxeiro.

-“Iso xa estaba aí de antes”, afirman outros. 

Mirada panorámica á situación xeral tras o accidente; o vagón ladeado e coas fiestras agrietadas. “Saiamos agora non vaia a ser que veña outro tren detrás”, apresura un rapaz mentres chegan os traballadores do Renfe para comprobar o noso estado de saúde.

Fóra do tren pálpase un nerviosismo xeralizado e ataques de ansiedade nalgúns pasaxeiros. Axudo no pouco que podo. A maior surrealismo do accidente: mentres algúns saian chorando, outros se tranquilizaban ou axudaban, uns terceiros xa estaban grabando co móbil a medida que saían do tren o que estaba a acontecer. “Respetade , o primeiro é asegurar o bo estado da xente, xa faredes fotos despois”, incrépanlles a eses escravos da inmediatez, aínda que a resposta xeralizada dos pasaxeiros foi de solidariedade.

Coma se dun filme de drama se tratase, escóitase un “hai algún doctor entre vós?”, dos traballadores da Renfe, ao carón do vagón dos maquinistas. Ese vagón, era o que saira voando no momento do impacto. A situación reláxase cando vemos que estamos todos ben e -desde a lonxanía- a doutora semella capaz de comunicarse cos feridos. 

Estabamos nun pobo a 5 quilómetros de Zamora. Aínda cos nervios a flor de pel, os pasaxeiros comezan a chamar aos seres queridos para relatar o acontecido.

Pouco a pouco, comezan a chegar bombeiros, ambulancias e policía. Proceden a atender aos feridos. Os corpos policiais repiten ata tres veces que a xente deixe de grabar mentres realizan as operacións de salvamento. 

Unha vez tódolos pasaxeiros xuntos, empezamos a falar entre nós. Eu falo, sobre todo, coa xente que estivo no meu vagón do medo que pasamos. 

Por casualidades da vida, atópome a un antigo compañeiro do instituto que viaxaba no mesmo tren. “Pois eu a verdade é que ía no octavo vagón e só sentín pequenas turbulencias e un forte frenazo”, asegura. 

Unha ou dúas horas despois do accidente aínda non sabiamos moi ben qué pasara. Pregúntolle a un axente da policía se eles saben algo. “Un todoterreno caeu desde a ponte e impactou directamente coa cabina dos maquinistas facendo que o seu vagón saise voando”, asegura. 

-“Ao final temos que trasladar o cadáver”, escóitaselle deseguido a outro policía nunha conversa polo móbil, referíndose ao home de 89 anos que conducía o auto.

Coas caras en branco de todos os que estabamos preto desa conversa, doume de conta de que por unha milésima de segundo ese coche non caeu enriba do meu vagón. Salvei -e salvamos- a vida pola sorte de non estar no lugar errado no momento erróneo.

A empresa de transportes pon á nosa disposición un bus directo a Zamora e, de aí, un tren a Madrid. “Gastaches unhas das 7 vidas dun gato”, bromea algún colega cando lle conto o ocurrido. E, a verdade, razón non lles falta. 

Lamentando moito o falecemento do maquinista de 32 en prácticas o do condutor de 89 anos e os 7 feridos (só un grave, o outro maquinista) , volvemos no tren a Madrid aínda ligando co shock do sucedido durante os quince segundos do accidente e valorando sobrevivir ao accidente.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here