InicioPolíticaO BNG pide no Congreso medidas para a preservación como BIC do...

O BNG pide no Congreso medidas para a preservación como BIC do cargadoiro de Coto Wagner, en Redondela

Os nacionalistas denuncian que o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, trata de dedicar esa chaira ao almacenamento de grandes colectores.

PUBLICADO O

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, pediu ao Goberno central no Congreso que tome “as medidas necesarias” para a preservación e restauración como ben de interese cultural (BIC) do cargadoiro portuario de Coto Wagner na parroquia de Cedeira, en Redondela.

O BNG informa de que a construción “destaca pola súa estrutura metálica singular” que, tras acabar a súa actividade industrial a mediados dos 70, “quedou abandonada polas distintas administracións públicas durante 40 anos”.

Ademais, engade o BNG, atópase nun enclave “privilexiado” xunto á Fábrica do Alemán –actual Museo de Meirande– e ás ruínas do Castelo de Rande, entre outros puntos de interese histórico.

Por iso, Néstor Rego solicitou que se faga público o proxecto que pensa acometer no lugar a Autoridade Portuaria de Vigo, entidade dependente de Portos do Estado, no Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Neste sentido, o deputado nacionalista lamenta que esta institución portuaria “tentou en varias ocasións nos últimos anos dedicar o cargadoiro e as zonas anexas a distintas finalidades que porían en risco a preservación da contorna natural e o valor cultural da zona”.

Así, o BNG alerta de que o actual presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, trata de dedicar esa chaira ao almacenamento de grandes colectores coa súa “intención de desmantelar este enclave histórico”. Fronte a iso, o Bloque ve “fundamental” que se conserve este patrimonio e se poña “ao servizo da sociedade”.

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...