A Xunta quere converter PSA Vigo na “planta máis competitiva tras a COVID-19”

Feijóo visita a fábrica horas despois de que Francia anuncie axudas ao sector vinculadas á relocalización de produción.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o director de PSA Vigo, Ignacio Bo, nunha visita do primeiro á planta con motivo do reinicio de actividade na crise do COVID-19.. DAVID CABEZÓN/XUNTA DE GALICIA

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, puxo en valor o compromiso coa innovación e a seguridade na planta do grupo PSA en Vigo, e subliñou a importancia de reforzar a súa competitividade, unha vez que a fábrica retomou a actividade tras a paralización de dous meses pola crise motivada pola pandemia de coronavirus.

Así o trasladaron fontes da Xunta tras a visita realizada polo titular do Executivo galego, acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, á planta de Balaídos, e sinalaron que, xunto á dirección da factoría, buscan “convertela na máis competitiva do grupo tras a COVID-19”.

A planta de PSA en Vigo reiniciou a súa actividade hai dúas semanas tras o ‘parón’ causado pola emerxencia sanitaria e está previsto que, a partir do 1 de xuño, se incorpore ao traballo a terceira quenda.

Para a súa reactivación, activouse un protocolo de seguridade con medidas de prevención para minimizar o risco de contaxio no persoal; unhas medidas que foron coordinadas coa industria auxiliar, e coa administración galega, a través do asesoramento do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA).

PLANS DO GOBERNO FRANCÉS

A visita de Feijóo e Conde prodúcese só horas despois de que o presidente da República francesa, Emmanuel Macron, anunciase un plan nacional para rescatar a automoción nese país, dotado con 8.000 millóns e condicionado, entre outros aspectos, a que os grandes construtores (PSA e Renault) relocalicen en Francia a produción de vehículos ‘verdes’, eléctricos e híbridos.

Na planta de Vigo prodúcese unha versión eléctrica do novo modelo, Peugeot 2008, ademais das furgonetas eléctricas do proxecto K9. Así mesmo, anunciouse que, a partir de 2021, a electrificación se estendería a modelos de vehículos comerciais.

De feito, Xunta e PSA Vigo teñen pendente a firma dun convenio de colaboración para a achega, por parte da administración autonómica, de 5 millóns de euros para o desenvolvemento de vehículos 100 % eléctricos.

O goberno galego lembrou que a comunidade é un “referente mundial” neste tipo de vehículos e no vehículo autónomo, tanto pola actividade de PSA como da industria auxiliar. Ademais, incidiu, a multinacional participa en iniciativas “que contribúen á dinamización do sector”, como a Business Factory Auto ou o ‘hub’ de innovación dixital impulsado polo clúster da automoción galega (CEAGA).