A Xunta deféndese e di que os atrasos da intermodal son anteriores ao estado de alarma

A Consellería de Infraestruturas explicou que iniciar os traballos en marzo resultaba "inviable antes de que se declarase o estado de alarma".

Obras da nova estacion intermodal © Miguel Nuñez

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade asegurou que o atraso acumulado no inicio dos accesos á estación intermodal de Vigo “ten unha orixe anterior á declaración do estado de alarma”, decretado pola propagación da COVID-19.

Así se pronunciou, nun comunicado, despois de que o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, achacase á crise sanitaria o feito de que os traballos non fosen iniciados a pesar de que o seu comezo estaba previsto en marzo.

A ese respecto, a Consellería de Infraestruturas explicou que iniciar os traballos en marzo resultaba “inviable antes de que se declarase o estado de alarma”. Así, subliñou que cando entrou en vigor o Real Decreto, o 14 de marzo, o Goberno “aínda” non autorizara a firma da addenda ao convenio que tamén implica ás administracións autonómica e local, polo que o Concello non puido adxudicar as obras antes desa data.

Ademais, lembrou que a suspensión dos prazos dos procedementos administrativos motivada pola aplicación do estado de alarma “levantouse o pasado 6 de maio” para os asuntos enmarcados na Lei de contratos do sector público.

No entanto, o departamento á fronte do que se sitúa Ethel Vázquez sinalou que “o Concello de Vigo segue sen adxudicar e iniciar a obra dos accesos porque o Goberno de España non aprobou o acordo para cofinancialos”.

Así mesmo, asegurou que se celebran dous encontros técnicos mensuais nos que participan representantes do Concello, a Xunta e Adif nos que se aborda “de forma reiterada” a necesidade de axilizar a autorización pendente para comezar as obras dos accesos ao complexo intermodal. Por iso, sinalou que o alcalde “é perfectamente coñecedor” desta situación.

A Consellería de Infraestruturas tamén afirmou que a Xunta representa a administración que achega “un maior investimento” ao proxecto. Así, lembrou que inviste 18 millóns de euros en acometer a nova estación de autobuses e cofinanciar os accesos ao complexo intermodal. Tamén lembrou que o Consello da Xunta autorizou a colaboración nestas últimas obras.

Mentres, asegurou que os 14 millóns de euros comprometidos polo Goberno para as obras dos accesos “están no aire” dado que a autorización correspondente permanece pendente. Ademais, remarcou que o Executivo central promove as obras do centro Vialia, pero dado que se licitaron como concesión, “é a empresa adxudicataria a que realiza o investimento de 69 millóns de euros”.

Ademais, sinalou que o Concello de Vigo destinará “menos de 3,5 millóns de euros aos accesos”. Pola súa banda, a Xunta inviste 3,4 millóns de euros nesas obras e o Goberno asume a parte restante do proxecto, cuxo orzamento total ascende a 21,4 millóns de euros.

Respecto das críticas de Abel Caballero, que acusou o Goberno galego de realizar un maior investimento no complexo intermodal da Coruña, lembrou que financiará a estación de autobuses da cidade herculina con 17 millóns de euros. Así mesmo, precisou que Adif autorizou a licitación das obras de reforma da estación ferroviaria por case 50 millóns de euros e que o Concello da Coruña achegará máis de 14 millóns de euros ao proxecto.