InicioSociedadeVisto para sentenza o primeiro xuízo totalmente telemático celebrado en Galicia durante...

Visto para sentenza o primeiro xuízo totalmente telemático celebrado en Galicia durante a pandemia

O xuíz solicitara previamente ás partes que presentasen de modo telemático a proba documental, que quedou incorporada no expediente xudicial electrónico.

PUBLICADO O

O xulgado do Social número 2 de Vigo acolleu este luns o primeiro xuízo integramente telemático celebrado en Galicia no marco do estado de alarma e da emerxencia sanitaria debido á pandemia de coronavirus, e que quedou visto para sentenza tras unha sesión de menos dunha hora.

Así, o equipo informático da sede xudicial viguesa creou unha ‘sala virtual’ á que se conectaron de modo seguro os avogados das partes, a través da plaforma Cisco Meeting, mentres que o titular do xulgado, o decano de Vigo, Germán Serrano, presidiu o tribunal presencialmente.

Para desenvolver a vista, que foi gravada integramente, o xuíz solicitara previamente ás partes que presentasen de modo telemático a proba documental, que quedou incorporada no expediente xudicial electrónico.

O xuízo celebrouse tras a interposición dunha demanda (presentada a través de LexNet) por parte do sindicato CUT, que impugnou o Expediente de Regulación Temporal de Emprego por causa de forza maior presentado pola empresa Asentos de Galicia, auxiliar do sector de automoción, tramitado como conflito colectivo.

A tramitación procesual deste tipo de asuntos non está suspendida, de conformidade co Real Decreto do estado de alarma (de 14 de marzo) e o Real Decreto Lei 16/2020, no que se inclúen as medidas procesuais e organizativas para facer fronte ao Covid-19 no ámbito da Administración de Xustiza.

O sindicato demandante, neste caso, non impugna a resolución administrativa da autoridade laboral, nin tampouco discute a concorrencia de causa maior, senón que denuncia o “abuso” co que a empresa aplicou a suspensión dos contratos, en relación co convenio colectivo.

Por iso, subsidiariamente á petición de nulidade do ERTE, a CUT reclamou que se recoñezan certos dereitos do persoal vinculados coas horas extras, co diferencial de xornada anual contemplado no convenio e coas horas da quenda de noite.

Mentres, o letrado da empresa sinalou que as cuestións que se reclaman por parte do sindicato non motivan a nulidade do expediente, e que ditas reclamacións debían ser presentadas por vía ordinaria.

O xuíz titular da sala, Germán Serrano, sinalou, tras finalizar a vista, que a experiencia dun xuízo totalmente telemático, dadas as circunstancias, fora “positiva”, e apuntou que, aínda que o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) deberá establecer normas concretas para a celebración de xuízos a partir de agora, el é partidario de que, polo menos as testemuñas, poidan declarar nas propias salas.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

O Porto de Vigo segue batendo marcas

O Porto de Vigo pechou o primeiro trimestre do ano batendo a súa marca histórica de...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...