InicioSucesosQueda libre un veciño de Cangas sen fogar que incumprira o confinamento

Queda libre un veciño de Cangas sen fogar que incumprira o confinamento

A Audiencia argumenta que o investigado "non ten onde ir", polo que o suposto risco de reiteración delituosa, en caso de existir, "non sería en realidade intencional".

PUBLICADO O

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra decretou a posta en liberdade provisional dun veciño de Cangas sen fogar investigado por un delito de desobediencia por incumprir o confinamento derivado do estado de alarma.

O Xulgado de Instrución número 1 de Cangas ordenara o ingreso en prisión provisional do detido o pasado 16 de abril ao considerar que había risco de fuga e de reiteración delituosa, tal e como lembrou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

O home, segundo o auto, foi detectado por axentes na vía pública o 15 de abril e, 15 minutos máis tarde, volveu ser localizado na rúa. A Audiencia argumenta que o investigado “non ten onde ir”, polo que o suposto risco de reiteración delituosa, en caso de existir, “non sería en realidade intencional, senón obrigado pola súa especial situación, que a recado non é desexada por el”.

Ademais, os xuíces subliñan que non consta ningunha documentación que avale que o investigado abandonase voluntariamente a habitación facilitada polos servizos sociais de Vigo, nin de que tivese a posibilidade de confinarse nalgún lugar no momento no que foi interceptado, o 15 de abril. O tribunal recalca que, a pesar da “singularidade e excepcionalidade do momento en que nos atopamos”, as normas que regulan a prisión provisional “non variaron”.

A Audiencia tamén considera inexistente o risco de fuga, pois o recorrente carece de domicilio, xa que “sempre está a deambular pola vía pública en Cangas”, e de medios económicos. Por iso, sinala que a posibilidade de que se desprace á Comunidade de Madrid, tal e como manifestou, “antóllase remota”, segundo os maxistrados. Ademais, todas as veces que foi interceptado, o 4, 6, 10 e 12 de abril, así como na ocasión da que derivan estas dilixencias, 15 de abril, estaba dentro do partido xudicial de Cangas.

Por todo iso, o tribunal considera “remota” a posibilidade de que fuxa a Madrid, non só pola carencia de medios económicos cos que custear un medio de transporte, senón tamén polos controis policiais dos traslados entre localidades derivados do estado de alarma.

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...