Caballero critica que a Xunta deixa o albergue de Vigo “fóra” das axudas

"Se isto non é antiviguismo, que veña Deus e o vexa", reprobou. A Xunta, pola súa banda, di que esas subvencións aínda "non están nin aprobadas".

O alcalde Abel Caballero / © Miguel Núñez.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou que o albergue municipal foi excluído dunha convocatoria de axudas autonómicas destinada a estes centros, mentres que a Xunta o negou e asegurou que estas subvencións se atopan en proceso de tramitación.

Durante unha rolda de prensa celebrada de modo telemático, o rexedor da cidade olívica manifestou que o Goberno galego publicou a orde correspondente o pasado 4 de maio e que esta “deixa fóra” ao albergue municipal de Vigo. Así, advertiu que se expón “levar aos tribunais” este feito, que cualificou de “escándalo”.

Neste sentido, o alcalde denunciou que o centro de inclusión social olívico foi o “único” que non foi incluído na convocatoria de axudas autonómicas. “Se isto non é antiviguismo, que veña Deus e o vexa”, reprobou.

Ademais, Abel Caballero asegurou que non todos os cidadáns sen fogar que se atopan na cidade son vigueses, polo que considerou que corresponde ao Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo dar resposta ás súas necesidades. Por este motivo, reclamou “financiamento” ao Goberno galego para o albergue municipal, ao que lembrou que o Concello destina 820.000 euros anuais.

“A Xunta segue castigando esta cidade” lamentou o rexedor, quen advertiu que “se está esgotando” a “paciencia coa actitude ofensiva” da Administración autonómica.

RESPOSTA DA XUNTA

Pola súa banda, a Xunta afirmou que se atopan en tramitación subvenciones para financiar actuacións de inclusión municipal, pero sinalou que aínda “non están nin aprobadas”, polo que non é posible que excluísen ao albergue vigués.

Nesta liña, lembrou que “a atención a persoas sen fogar é competencia municipal” e sinalou que a Xunta “axuda a Vigo moitísimo máis que a calquera outro concello” ao sinalar que ofrece o programa Xantar na casa nesta zona.

Así mesmo, o Executivo galego remarcou que, nos últimos dous anos, os comedores e entidades de atención a necesidades básicas da urbe olívica recibiron axudas autonómicas por valor de 732.054 euros. Ademais, avanzou que este ano se investirán na cidade 55,8 millóns de euros que se destinarán a políticas sociais.