Vigo supera as 60 denuncias nun día por incumprir o estado de alarma

Trátase dunha das cifras máis elevadas desde a entrada en vigor do Real Decreto.

Paseos en Vigo durante o estado de alarma © Miguel Núñez

O número de persoas que a Policía Local de Vigo propuxo para sanción por incumprir a normativa enmarcada na aplicación do estado de alarma motivado pola crise sanitaria actual rexistrou un repunte e superou as 60 nun día.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, concretou que este xoves se propuxo a 61 persoas para sanción e sinalou que se trata dunha das cifras máis elevadas rexistradas desde a entrada en vigor do estado de alarma. De feito, nas últimas semanas o número de persoas localizadas mentres incumprían a normativa establecida situouse ao redor da trintena.

En concreto, indicou que se propuxo para sanción a dúas persoas localizadas nun turismo “moi lonxe” dos seus domicilios e a outros cinco que realizaban actividade física xuntas (a normativa actual establece que o deporte debe realizarse de modo individual).

Así mesmo, localizouse a oito persoas que celebraban unha festa nunha casa e a outros tres na auga a pesar de que o baño non está permitido. O rexedor achacou esta situación a unha falta de “comprensión das normas” establecidas para saír á rúa e chamou á cidadanía a non celebrar “círculos” e a intensificar a súa hixiene para evitar contaxios por COVID-19.

Adicionalmente, Abel Caballero indicou que se outorgaron novas axudas a nenos que reciben bolsas de comedor ás que non poden acceder debido ao peche dos colexios. Deste xeito, concedéronse subvencións a 2.595 persoas por valor de 136.000 euros.

Tamén indicou que se porá en contacto coas direccións dos colexios da cidade co obxectivo de coñecer como afecta ás crianzas a suspensión das clases, así como o modo no que influíu a “fenda dixital” na formación dos estudantes neste período.

A preguntas dos xornalistas, afirmou que non se oporía a un estudo das augas residuais da cidade para detectar a presenza do virus, aínda que sinalou que as competencias corresponden á Xunta e o Goberno central. “Se a análise en augas residuais é un bo sistema (para detectalo) e (as institucións) necesitan a nosa cooperación, téñena (de modo) incondicional”, asegurou.