InicioSociedadeCaballero defende a 'desescalada' provincial pois "non tería lóxica separar Vigo e...

Caballero defende a ‘desescalada’ provincial pois “non tería lóxica separar Vigo e Pontevedra”

Con respecto á posibilidade de establecer quendas para as saídas á rúa, Caballero sinalou que, a pesar de que "o mellor sería que cada alcalde puidese decidir na súa cidade", as posibles restricións serán establecidas polo Ministerio de Sanidade.

PUBLICADO O

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, defendeu este xoves a conveniencia de facer a ‘desescalada’ de medidas de confinamento (implantadas pola pandemia de coronvirus) desde o ámbito provincial porque “non tería lóxica separar as áreas de Vigo e Pontevedra”.

Así o trasladou o rexedor olívico nunha rolda de prensa telemática na que sinalou que o provincial é “o mellor nivel” para iniciar esa ‘desescalada’, xa que o ámbito de actuación debe ser o que marca a mobilidade. “Aquí non tería lóxica unha ‘desescalada’ a velocidade distinta en Vigo e Pontevedra (…), estamos a 12 minutos de distancia”, engadiu.

Abel Caballero subliñou que “hai moita xente movéndose” entre ambas as áreas, e existe unha integración “económica e sociológicamente”. “Parece lóxico que vaiamos xuntos na desescalada”, reiterou, e precisou que iso non significa que non sexa “bo” ter en conta as áreas sanitarias, pero no caso de Vigo o ámbito provincial sería o máis adecuado.

Por outra banda, e con respecto a esas medidas de alivio do confinamento, o alcalde confirmou que, desde este venres 1 de maio e, inicialmente, todos os domingos e festivos, peonalizaranse tramos de rúas en distintos barrios da cidade (centro, Teis, Balaídos, Bouzas, zona de Povisa, Urzáiz, Torrecedeira e zona da estación de buses), de modo que os peóns poidan usar a calzada para aumentar a distancia social con respecto a outros viandantes. Nesas zonas, permitirase o acceso de vehículos aos garaxes, pero a velocidade máxima do tráfico rodado será de 10 quilómetros por hora.

Así mesmo, decidiuse a reapertura de paseos e zonas verdes, como o parque de Castrelos e o do Castro, o paseo do Lagares e o de Bouzas, e as praias, aínda que se vixiará que se manteñan as distancias e só poderán acudir os veciños desas zonas. “Quero evitar un ‘efecto chamada’, se vexo que hai aglomeracións, vólvoos a pechar”, a proclamado o alcalde.

Finalmente, e con respecto á posibilidade de establecer quendas para as saídas á rúa, Caballero sinalou que, a pesar de que “o mellor sería que cada alcalde puidese decidir na súa cidade”, as posibles restricións serán establecidas polo Ministerio de Sanidade. “É unha restrición de dereitos fundamentais, que un alcalde non pode facer (…), os técnicos dinme que é complicado xuridicamente”, aclarou.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...