A Xunta aconsella aos viaxeiros de Peinador que reclamen indemnizacións por danos e prexuízos

Aeroporto Peinador
Avion nas pistas de Peinador/ Miguel Nuñez

A Xunta informou de que pon “todos os medios” cos que conta a disposición dos viaxeiros afectados por cancelacións de voos no aeroporto de Vigo, Peinador, para que poidan defender os seus dereitos. O Instituto Galego do Consumo e da Competencia ofrece información e asesoramento a través das súas oficinas na súa páxina web e no teléfono 900 23 11 23.

Así, a Consellería de Economía aconsella reclamar ás compañías e lembra que os pasaxeiros teñen dereito nunha cancelación a información, así como a asistencia –o que inclúe comunicacións, manutención, aloxamento e transporte de ser necesario–, ao reembolso ou unha alternativa. Tamén poden pedir unha indemnización por danos e prexuízos.

Peinador / E.P.

Para iso, apunta que se pode facer por correo electrónico ou ordinario e para iso pódese usar o formulario da empresa ou o que facilita a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

No caso de non recibir resposta no prazo dun mes ou que sexa insatisfactoria, os afectados poden dirixirse á AESA, que emitirá unha resolución que a compañía debe cumprir. No caso de non facelo, os viaxeiros poden acudir ao Instituto Galego de Consumo ou á vía xudicial.

Néboa no aeroporto de Peinador / Extracrew.com

Pola súa banda, a Consellería de Infraestruturas sinala que as actuacións do sistema antinéboa que executa AENA no aeroporto vigués programáronse para previr a menor afección, polo que “é esperable que estea tamén prevista a mellor resposta aos viaxeiros afectados polas cancelacións que se están producindo”.

DESVÍO A LAVACOLLA ESTE SÁBADO

Un voo da compañía Air Europa procedente de Madrid que debía aterrar sobre as 8:30 horas deste sábado no aeroporto de Peinador, en Vigo, fíxoo finalmente no de Lavacolla, en Santiago, logo de ser desviado.

Diso informou Aena a Europa Press, que indica que o voo asociado a este volverá á capital de España desde o aeroporto de Lavacolla. O desvío deste sábado súmase aos incidentes ocorridos esta semana en Peinador con diversas cancelacións e cambios producidos pola néboa.

O sistema ILS, que apoia aos pilotos en condicións de baixa visibilidade, está apagado desde o 7 de maio para a súa substitución por un novo. Aena escolleu os meses de maio e xuño para facer o cambio porque “estatisticamente” é cando hai mellor meteoroloxía en Peinador.