#UVigodesdecasa, a Universidade de Vigo adáptase á contorna virtual en tempo récord

Fortalece o seu xemelgo dixital, UVigo Virtual, para ofrecerlle a toda a comunidade universitaria unha contorna de traballo e de docencia á altura das circunstancias.

O pasado 13 de marzo a crise sanitaria xerada pola expansión da COVID-19 provocou que a Universidade de Vigo puxese sobre a mesa todos os recursos virtuais dispoñibles para facilitar a continuación da súa actividade, tanto docente como laboral. “Nun tempo récord”, apunta a UVigo, puxo en marcha o seu xemelgo dixital, UVigo Virtual, para ofrecerlle a toda a comunidade universitaria unha contorna de traballo e de docencia á altura das circunstancias.

Con esta iniciativa fortalecéronse as ferramentas da xa existente plataforma de teleformación Faitic e lanzouse Campus Remoto, o que permitiu contar cunha estrutura dixital propia da UVigo. A día de hoxe hai creadas 1600 aulas virtuais nos tres campus, Faitic duplicou o seu promedio diario de uso –pasando das 20.000 interaccións diarias en marzo de 2019 a máis de 40.000 na actualidade- e as conexións a Campus Remoto multiplícanse cada día, tanto no sector do alumnado como no do PDI.

O equipo de goberno da Universidade de Vigo é consciente das grandes dificultades que esta nova situación supón tanto para o estudantado como para o profesorado á hora de desenvolver as súas tarefas. Por iso se segue a traballar na mellora dos recursos e das ferramentas para que, dentro do posible, se continúe avanzando e perfeccionando todo o sistema.

AULAS VIRTUAIS EN DIRECTO, A GRAN NOVIDADE

Días antes da declaración do estado de alarma, a Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade autorizou que comezase o despregue de UVigo Virtual, o servizo que centraliza nun punto único as ferramentas de teledocencia da Universidade de Vigo, incluídos Faitic e Campus Remoto, no que as aulas virtuais en directo constitúen a gran novidade. Tamén se crearon espazos virtuais para outros usos: despachos, salas de reunión etc…, coa novidade de que se clonou a estrutura física da universidade real, de forma que Campus Remoto está distribuído en campus, edificios, salas e aulas, como a institución real, cos mesmos horarios das clases e das actividades de docencia presencial.

En palabras do vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, o “xemelgo virtual da estrutura docente da Universidade, sobre unha plataforma propia baseada en código aberto Big Blue Button (BBB), é algo que moi poucas institucións académicas lograron”.

Ademais, desde Campus Remoto é posible gravar clases ou vídeos formativos e poñelos á disposición do estudantado en Faitic sen sobrecargar a plataforma. As clases por facultades e escolas creáronse seguindo os criterios dos propios centros. Moitos replicaron aulas de teoría, seminarios, salas de informática ou laboratorios e, a maiores, creáronse tamén aulas de proba en todos os centros.

Na primeira semana de uso, a do 23 de marzo, as conexións de docentes achegáronse ás 4500. Apenas unhas semanas despois, na primeira de abril, unha vez se lle dá acceso ao alumnado, as conexións só de estudantes superan as 40.000. A día de hoxe acadáronse entre os tres campus máis de 140.000 conexións.

DIFERENTES MEDIDAS FACILITAN QUE O CURSO SIGA DENDE A CASA

Para facilitar todo este proceso de adaptación á teledocencia, a Universidade puxo en marcha diferentes iniciativas, reunidas agora na secretaría virtual da web da UVigo, un portal no que se inclúen diferentes manuais creados ex profeso para facilitar o teletraballo, a utilización de Faitic e de Campus Remoto, incluíndo diferentes videotitoriais sobre como compartir arquivos e imaxes ou como crear unha canle de Youtube etc.

De cara a resolver os problemas de conectividade do estudantado que está a pasar o confinamento en lugares con escasa ou nula cobertura de internet, a Universidade distribuíu máis de 200 dispositivos Mifi, pequenos routers wifi, con 100 xigas mensuais habilitados por un período de catro meses prorrogables a outros dous, facilitándolles así tanto o seguimento das clases como a realización dos exames.

O reitor da institución, Manuel Reigosa, nun escrito remitido ao alumnado que recibiu os dispositivos, asegura que “para resolver estes problemas, a solución que nos pareceu máis acaída foi alugar equipos que permitan conectarse para seguir as clases e tamén para realizar os exames. Esperamos que con estes equipos poidades seguir o curso co maior aproveitamento posible, dentro das dificultades que todos e todas estamos a ter”. Estes dispositivos enviáronse ás catro provincias galegas pero tamén a outros lugares como Alemaña ou Ávila, e deberán devolverse nos centros ao remate do mes de xullo, ou ao inicio do vindeiro curso 2020/2021.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here