InicioSociedadeArquivada nun xulgado de Cangas a investigación sobre as mortes con COVID-19...

Arquivada nun xulgado de Cangas a investigación sobre as mortes con COVID-19 nunha residencia

No auto lémbrase que os enfermos e residentes estiveron sometidos a control médico, sen que en ningún momento o persoal sanitario puxese en coñecemento da autoridade xudicial a existencia de sospeitas de malos tratos.

PUBLICADO O

O Xulgado de Instrución número 1 de Cangas decretou este martes o sobresemento provisional e arquivo das actuacións relacionadas cos falecementos de usuarios afectados pola COVID-19 nun centro residencial de persoas maiores.

No auto, difundido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a xuíza remarca que, “da simple lectura da denuncia resulta que non aparecen indicios suficientes da perpetración de delito”.

“A denuncia presentada só refire a existencia de datos xa coñecidos, en canto publicados tanto pola Administración, como polos medios de comunicación, sen que se acheguen datos ou feitos concretos, máis que unha xenérica denuncia sobre un único feito, a existencia de falecidos por COVID 19 nun centro residencial”, arrinca o fallo, na parte de fundamentos de dereito.

“O mínimo respecto aos falecidos e enfermos, e ao persoal que traballa no coidado dos mesmos, que en moitos casos son tamén enfermos, require unha seriedade na investigación dos feitos producidos, sen que se produza unha exhibición mediática mesmo antes de que se produciu ningún pronunciamento respecto do fondo por ningún órgano xudicial”, agrega.

Ademais, no auto lémbrase que os enfermos e residentes estiveron sometidos a control médico, sen que en ningún momento o persoal sanitario puxese en coñecemento da autoridade xudicial a existencia de sospeitas de malos tratos.

“NIN UN SÓ DATO OU FEITO”

Na denuncia, segundo a instrutora, realízase unha recompilación sobre a falta de medios materiais e persoais no centro residencial.

A xuíza indica que esa afectación se produciu “en todos os ámbitos médicos e asistenciais, non soamente nas residencias de maiores, senón no conxunto da sociedade”, pero entende que iso, por si só, non supón a existencia dunha carga indiciaria que permita a imputación de delitos a persoas concretas.

“Nin un só dato ou feito achegado que teña unha base indiciaria suficiente para a apertura dun proceso de carácter penal”, conclúe.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...