InicioSociedadeA corporación municipal de Vigo aprobará unha declaración institucional ante a crise...

A corporación municipal de Vigo aprobará unha declaración institucional ante a crise sanitaria

O consello da cidade celebrará este xoves a súa primeira reunión para abordar as necesidades de cada sector.

PUBLICADO O

A corporación municipal de Vigo aprobará por unanimidade unha declaración institucional ante a crise sanitaria do coronavirus nun pleno que terá lugar este xoves e virará ao redor desta situación.

Así o avanzou o alcalde, Abel Caballero, nunha rolda de prensa telemática na que precisou que a sesión só incluirá a aprobación da mesma e unha rendición de contas do goberno local sobre as actuacións levadas a cabo durante a crise sanitaria.

Deste xeito, no pleno non se presentarán mocións e só se contará coa asistencia presencial do rexedor, os catro tenentes de alcalde, os portavoces dos grupos municipais (PP, PSOE e Marea de Vigo) e o concelleiro non adscrito (BNG). Os demais edís da corporación seguirán a sesión por vía telemática.

Abel Caballero detallou que na xunta de portavoces acordouse a aprobación desta declaración institucional, subscrita pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que el mesmo preside, hai menos de dúas semanas.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

En concreto, o documento sinala a necesidade de “unir os esforzos” das distintas administracións para combater o virus e de “estar á altura” dun momento “trascedente” da historia desde a responsabilidade. Por iso, apela a cidadanía para que respecte as instrucións das autoridades sanitarias.

Do mesmo xeito, ínstase as administracións a centrar as súas actuacións en garantir a saúde das persoas e remárcase a importancia de adecuar as infraestruturas sanitarias a esta situación. Tamén se avoga por apoiar a cidadanía e as empresas ante esta situación e reclámase que “os novos Fondos e Iniciativas Europeas do período 2021-2027 se orienten e adapten á reconstrución das economías locais”.

Así mesmo, mediante a declaración institucional recoñécese ás vítimas do coronavirus e aos traballadores que desempeñan o seu labor nestes momentos.

CONSELLO DE CIDADE

Noutra orde de cousas, Abel Caballero avanzou que este xoves terá lugar a primeira reunión do consello da cidade, no que participarán máis de 40 representantes de distintos sectores económicos que abordarán as súas necesesidades á hora de reactivar a súa actividade.

O rexedor olívico indicou que participará nesta sesión, que se realizará de modo telemático, xunto aos catro tenentes de alcalde (os edís Carmela Silva, Francisco Javier Pardo, Elena Espinosa e María José Caride).

O consello tamén estará integrado por representantes de sectores como a pesca, os conxelados e conservas, a automoción, o naval, a investigación, o editorial e os gabinetes e despachos. Así mesmo, a construción, o transporte, os talleres, o pequeno comercio, a hostalaría, os medios de comunicación, as librarías, as orquestras sinfónicas, as entidades financeiras e as empresas do porto participarán no encontro.

Abel Caballero tamén precisou que este xoves se porá en contacto con sindicatos, organizacións non gobernamentais (ONG), entidades sociais e asociacións para articular un “segundo bloque” do consello da cidade con colectivos non empresariais. Finalmente, indicou que se establecerá un terceiro nivel con distintos subsectores, como o comercio de proximidade, para estudar como dar resposta ás súas demandas.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...