Povisa supera o milleiro de probas de COVID realizadas a domicilio

Este labor realízano sete equipos compostos por unha enfermeira e unha auxiliar que se desprazan a domicilios particulares de toda a área de influencia do hospital.

Ambulancias do 061 no momento de entrar nunha vivenda / © Miguel Núñez.

O Hospital Povisa de Vigo, do grupo Ribera Salud, reforzou o seu servizo de Hospitalización a Domicilio e puxo en marcha sete equipos de recollida de mostras domiciliarias, no marco da estratexia de loita contra a pandemia do coronavirus.

Segundo informaron fontes do Hospital, estes equipos realizaron, ata o momento, máis dun milleiro de probas a domicilio. Trátase de equipos compostos por unha enfermeira e unha auxiliar que se desprazan a domicilios particulares de toda a área de influencia do hospital (Vigo, Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán e Gondomar), e mesmo a outros municipios.

Nas áreas do Morrazo e Val Miñor, estes equipos realizan a proba a todos os pacientes con sospeita de padecer infección por coronavirus, independentemente de cal sexa o seu hospital de referencia.

Ademais dos domicilios particulares, están a realizar tamén probas en residencias de maiores e de discapacitados, onde acceden cos seus equipos de protección individual. As tomas, unha vez recollidas, son enviadas ao laboratorio do Hospital Meixoeiro para a súa análise.