InicioSociedadeUnha enfermeira do Chuvi en corentena: "Que a Xunta poña as pilas...

Unha enfermeira do Chuvi en corentena: “Que a Xunta poña as pilas e faga test a todos os sanitarios”

"Unha parte moi importante xa está infectado sen síntomas e estamos esparcindo o virus a toda a comunidade", adverte.

PUBLICADO O

- Advertisement -

“A sensación é de desprotección, medo e abandono”, comeza o seu relato unha enfermeira de Urxencias do Hospital Universitario de Vigo. Nesta crise por mor da expansión do coronavirus, o persoal sanitario é un dos colectivos máis expostos xa que están en primeira liña na loita contra a enfermidade. Os positivos entre médicos, traballadores de enfermaría e outro persoal hospitalario non deixa de medrar e segundo os últimos datos, Galicia chega aos 125 infectados – o que supón o 9% do total – e o conxunto do estado alcanza os 5.400, un 14% sobre o total.

Esta enfermeira do hospital de Vigo, xunto con outros seis compañeiros, levan unha semana en corentena nas súas casas á espera de que se lles realicen as probas de coronavirus tras tratar cunha paciente moi grave -non sospeitosa, naquel momento, de Covid19- que á que tiveron que entubar tan só cunha máscara quirúrxica como medida de protección. “Non había outra cousa”, conta esta profesional.

SEN MEDIDAS DE PROTECCIÓN

Dende ese momento, estas sete persoas de urxencias permanecen confinadas nos seus fogares. “Sénteste inútil estando unha semana na casa esperando que che fagan a proba, coa incertidume de se estarás infectada ou non, convivindo coas miñas fillas… É complicado”, explica. Segundo di, estivo aproveitando esta semana para mercar a súa máscara e organizar os equipos de protección cos seus compañeiros para cando volvan incorporarse. Ata o de agora tiraron das doacións de material da xente.

“É inadmisible que un protocolo de seguridade se adapte en función das reservas de material”, critica a enfermeira, que chegou a ter un protocolo de uso de máscaras á mañá e outro diferente á tarde. “Dáme igual que Medicina Preventiva me diga que podo pasarlle un trapiño a unha máscara quirúrxica e que a reutilice, cando eu sei que son dun só uso. Iso vaime poñer en risco a min e aos meus pacientes. Eticamente non se pode levar a cabo”. Por este mesmo motivo, organízanse entre o persoal e buscan arternativas por todas as vías posibles. Promoven queixas todos os días a través do sindicato e dun programa de comunicacións do Ministerio de Sanidade, mais o sentimento segue sendo de “inseguridade, incertidume e abandono”.

PERSOAL SANITARIO INFECTADO

As circunstancias nas que os profesionais sanitarios están traballando estes días son totalmente distintas. “Podes pasar sete horas sen beber, sen ir ao baño…”. Ao esgotamento pola carga de traballo súmase tamén a carga mental. “Tes que estar pendente de non tocar a cara sen querer, de que ningunha de nós cometamos un erro á hora de quitar un EPI, tes a preocupación de se te terás lavado o suficiente, de se levarás algo no pelo, de que vai pasar na casa… A xente está moi crispada”, recoñece.

E para asegurar a protección de toda a sociedade, esixe, por riba de todo, “que a Xunta se poña as pilas” e faga test de detección de coronavirus a todo o persoal sanitario. “Unha parte moi importante xa está infectado sen síntomas e estamos esparcindo o virus a toda a comunidade”, adverte. 

Neste contexto de crise nótanse de maneira máis acentuada os recortes que a sanidade pública veu sufrindo ao longo dos últimos anos. “Faltan camas, falta persoal, falta dotación de reserva para emerxencias, faltan recursos… Esta situación leva a suspender operacións que xa estaban previstas para estes días”. A enfermeira do CHUVI critica que, á vez, haxa hospitais infrautilizados, como o Hospital Xeral Cíes, que se atopa “totalmente pechado”.

Dende un comezo, “infravalorouse a situación”, valora a enfermeira.

ÚLTIMAS

Condenado o Vithas de Vigo por diagnosticar unha lumbalxia a unha paciente que tiña cancro avanzado

A sección sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra revogou unha sentenza dun xulgado de...

Caballero segue acusando a Louzán de excluír Vigo como sede do Mundial: “No seu silencio está a súa culpabilidade”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu este mércores a apuntar ao presidente da...

O PP de Vigo esixe ao goberno local “asumir responsabilidades” tras suspenderse as probas para bombeiro

O grupo municipal do PP de Vigo acusou ao goberno local de "tentar desentenderse"...

Dous acusados de violación a unha muller en Vigo aseguran que foi consentido

Dous homes acusados de violar a unha moza en Vigo aseguraron este mércores que...