Policía Local de Vigo tramita 45 novas denuncias por infrinxir o estado de alarma

Algunhas interpuxéronse contra clientes de bares.

A policia local informa das normas polo estado de alarma / © Miguel Núñez.

A Policía Local de Vigo tramitou este martes 45 novas denuncias contra cidadáns que infrinxiron o Real Decreto do estado de alarma e se atopaban na vía pública sen motivo xustificado, co que o número de propostas de sanción elevadas por este corpo policial desde que entrou en vigor ese Real Decreto é de 294.

Así o trasladou o alcalde, Abel Caballero, nunha comparecencia na que informou de que, ademais das denuncias, “fixéronse 12 advertencias, 246 identificacións e control de 359 vehículos”. “O nivel de control e vixilancia é moi importante”, constatou.

Segundo detallou o rexedor, entre as persoas denunciadas por saltarse o confinamento, houbo varios ‘clientes’ dun bar do centro da cidade que se atopaban no interior do local, que permanecía coas persianas baixadas para eludir a vixilancia da Policía.

Os axentes do 092 tamén tiveron que obrigar ao peche doutro establecemento na Avenida de Arquitecto Palacios. Así mesmo, entre as persoas propostas para sanción está un mozo que foi sorprendido lendo un libro nun espazo exterior comunitario, ou varios mozos que se reuniron na vía pública pola noite.

Abel Caballero insistiu en que “hai que ser disciplinados” e cumprir o confinamento, e expresou o seu “orgullo” polo “comportamento”, con “exemplaridade e civismo” da maioría dos vigueses. “E os poucos incívicos, seguirán sendo multados”, engadiu.