InicioSociedadeAscenden a nove as multas a transeúntes en Vigo por saltarse o...

Ascenden a nove as multas a transeúntes en Vigo por saltarse o estado de alarma

O goberno local non descarta ampliar o peche a máis espazos públicos para evitar os "paseos".

PUBLICADO O

A Policía Local de Vigo tramitou xa nove denuncias contra viandantes que foron identificados na vía pública, por infrinxir as indicacións do Real Decreto sobre o estado de alarma, e atoparse “paseando” pola rúa, algúns en grupo, sen xustificación.

Así o trasladou este martes o alcalde da cidade, Abel Caballero, nunha comparecencia na que volveu facer un chamamento aos veciños da cidade para que permanezan nas súas casas e non saian agás para “o imprescindible”, como ir traballar, comprar produtos de primeira necesidade ou citas médicas.

O rexedor lamentou que algúns cidadáns interpreten as recomendacións de confinamento como unha invitación a “saír a pasear”, e insistiu en que “está prohibido”. De feito, lembrou que o goberno municipal ordenou o peche do paseo de Bouzas, o de Samil, o do río Lagares, a zona interior das murallas do Castro, o parque de Castrelos, e lugares de esparexemento, ademais de cemiterios (só estarán abertos para enterros e cun máximo de 25 asistentes) e instalacións municipais.

En todo caso, Caballero sinalou que non se descarta a clausura doutros espazos públicos “se se ve que a xente os pode usar para pasear”, precisamente para aumentar a concienciación de que non se debe saír dos domicilios.

CICLISTA POR SAMIL

De feito, a Policía Local informou este martes dunha denuncia a un veciño da cidade por incumprir as restricións. Trátase dun home de 64 anos que foi sorprendido pasadas as 18,00 horas do luns circulando en bicicleta “a modo ocioso” pola Avenida de Samil.

O home argumentou que se dirixía ao seu domicilio, a 800 metros de alí e, cando os axentes lle informaron de que a súa saída non se axustaba ás excepcións previstas para o estado de alarma e de que sería multado, o home cambiou a súa explicación e asegurou que ía comprar pan, o que non evitou que fose sancionado.

En relación cos establecementos comerciais e hostaleiros, o alcalde sinalou que, o primeiro día de entrada en vigor do Real Decreto, a Policía tivo que acudir para ordenar o peche de entre 15 e 20 negocios, a mesma cifra que o domingo. Xa este luns, só houbo que apercibir ao responsable dun local e, de maneira xeneralizada, está a respectarse a suspensión de actividade comercial considerada non esencial.

PATRULLAS DE POLICÍAS E MILITARES

O alcalde, quen lembrou que tampouco hai atención ao público no Concello (salvo no rexistro e en Benestar Social), subliñou que, para garantir a saúde de todos os cidadáns, tanto Policía Local como Nacional e efectivos do Exército de Terra están a patrullar as rúas de Vigo para asegurarse de que a xente cumpre as restricións do estado de alarma.

A ese respecto, detallou que Defensa despregou este martes 11 vehículos e 80 militares, e lembrou que, “ás veces, multar á xente é axudar”, en alusión ás denuncias que se impoñen a quen non respectan o confinamento. “Son a maior garantía para a saúde das persoas”, engadiu Caballero.

Caballero tamén lembrou que se paralizaron os prazos e tramitacións administrativas, aínda que se manteñen en curso as obras que se están realizando na cidade, xa que non están incluídas nas restricións do estado de alarma.

Finalmente, e sobre posibles medidas de tipo fiscal que o Concello poida pór en marcha para apoiar as empresas que teñen que paralizar a súa actividade estes días, o alcalde proclamou que “todo chegará ao seu tempo”, e que agora os esforzos deben centrarse en atallar a crise sanitaria e “ordenar o funcionamento da cidade” nesta situación de excepcionalidade.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Stellantis Vigo espera que o Perte se resolva “a final de mes”

O director da planta viguesa do grupo automobilístico Stellantis, Ignacio Bueno, ve "difícil" superar...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Atraso de 40 minutos na liña A Coruña-Vigo por un conato de incendio nun coche do tren

Un conato de incendio declarado entre dous coches dun tren que cobre a liña...