InicioSociedadeO Concello de Vigo apraza máis actividades e contrata persoal adicional para...

O Concello de Vigo apraza máis actividades e contrata persoal adicional para desinfección

Con respecto á festa da Reconquista, Abel Caballero confirmou que o Concello recomendou á organización "que retarde as contratacións", aínda que "todas as cousas sinalan que se vai a suspender".

PUBLICADO O

O Concello de Vigo incrementou o número de actividades aprazadas como medida de prevención para evitar posibles contagios de coronavirus, e anunciou a contratación de persoal adicional externo para levar a cabo labores de desinfección.

Trasladouno en rolda de prensa Abel Caballero, quen informou de que o goberno local constituíu un comité de seguimento presidido por el mesmo, con varios concelleiros e o responsable da Policía Local, o interventor e outros responsables municipais, para facer un “seguimento permanente e intensivo” da situación.

Ademais, explicou que, ademais das restricións e medidas anunciadas nas últimas horas (reforzo de limpeza e desinfección en transporte público e centros educativos, e suspensión dalgúns eventos deportivos), contratarase a persoal externo adicional para traballar en limpeza e desinfección de todas as dependencias municipais. Inclúense o albergue, o centro CEDRO, os cemiterios e instalacións da Policía Local.

O rexedor confirmou tamén a suspensión de actividades de diversos programas municipais (de envellecemento activo, cursos de emprego, actividade dos centros cívicos, ou a actividade das escolas deportivas), e a dotación de dispensadores de xel desinfectante en escolas infantís, centros de primaria e institutos públicos.

No ámbito cultural, quedaron aprazados todos os concertos de corais, suspendeuse a actividade do Auditorio Mar de Vigo e do auditorio municipal. Paralizaranse tamén as ludotecas, bibliotecas e salas de estudos, tras coñecerse que a Xunta suspende as clases en centros educativos.

Tamén se aprazan as saídas do programa ‘Camiño a Camiño’, os cursos de voluntariado e actividades do departamento de normalización lingüística, así como as visitas escolares a Vigozoo; e farase especial seguimento dos usuarios dos servizos de teleasistencia e asistencia a domicilio (maioritariamente mulleres maiores que viven soas).

Finalmente, con respecto á festa da Reconquista, Abel Caballero confirmou que o Concello recomendou á organización “que retarde as contratacións”, aínda que “todas as cousas sinalan que se vai a suspender”.

Abel Caballero avogou por manter “a calma” e instou a todas as institucións a porse “a disposición” das autoridades sanitarias e “non discutir as súas decisións”. “O que estamos a facer con estas medidas é pór devasas”, afirmou.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...