InicioPolíticaO BNG aposta por mellorar a conectividade do barrio vigués de Navia...

O BNG aposta por mellorar a conectividade do barrio vigués de Navia e dotalo dun instituto

Alexandra Fernández incidiu na importancia de conectar Navia cos barrios de Coia, Navia Vella, Alcabre e Bouzas e criticou a "descoordinación" que presenta en canto a equipamento e servizos públicos tras lembrar que os estudantes da zona deben acudir ao instituto de Valadares a pesar de dispor de centros máis próximos.

PUBLICADO O

A cabeza da lista do BNG pola provincia de Pontevedra para as eleccións galegas, Luís Bará, apostou por mellorar a conectividade do barrio vigués de Navia co resto da cidade e por dotalo dun instituto e un centro social.

Segundo recolleu a formación nun comunicado, tras reunirse con representantes da Asociación Veciñal Novo Vigo, Luís Bará expuxo a creación dun plan de actuación para o barrio de Navia.

Así, asegurou que, tras as eleccións do próximo 5 de abril, o Bloque “liderará” desde a Xunta “unha folla de ruta na que se deixen atrás as parálises de investimentos e melloras” na zona en colaboración co Concello e o Ministerio de Fomento. Achacou a situación do barrio á “falta de colaboración institucional” derivada da “confrontación partidista” protagonizada por un goberno local socialista e un Goberno galego composto por membros do PPdeG.

INCREMENTO DE HABITANTES

O candidato nacionalista tamén remarcou que se prevé un incremento de habitantes neste barrio, que conta con máis de 10.000 persoas e representa o máis novo de Galicia, polo que considerou que “merece o impulso e o compromiso das administracións públicas”.

Así mesmo, a tamén candidata Alexandra Fernández incidiu na importancia de conectar Navia cos barrios de Coia, Navia Vella, Alcabre e Bouzas e criticou a “descoordinación” que presenta en canto a equipamento e servizos públicos tras lembrar que os estudantes da zona deben acudir ao instituto de Valadares a pesar de dispor de centros máis próximos.

“Este illamento físico é ademais un illamento político porque todas as demandas veciñais terminan co muro dun goberno local e un autonómico que son incapaces de dar unha resposta conxunta”, lamentou Fernández.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...