InicioSucesosO TSXG pide cárcere para o funcionario vigués que aceptou sobornos pagados...

O TSXG pide cárcere para o funcionario vigués que aceptou sobornos pagados con prostitución, implicado na Operación Patos

A Fiscalía pide un ano de prisión para o funcionario do Concello de Vigo, con responsabilidades no departamento de Fomento (Vías e Obras), ao que acusa dun delito continuado de suborno, ao aceptar servizos de prostitución, pagados por outro acusado, responsable da construtora Eiriña.

PUBLICADO O

A Sala do Civil e o Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acollerá este martes unha vista para resolver o recurso contra un auto da Audiencia Provincial de Pontevedra. Foi presentado por dous investigados nunha das pezas separadas da Operación Patos, por un delito de suborno, relacionado co pago de servizos de prostitución a un funcionario vigués.

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra ditou un auto no que desestimaba as cuestións previas argumentadas polas defensas, e estas presentaron recurso, que agora será resolto polo alto tribunal galego. Neste procedemento, a Fiscalía pide un ano de prisión para o funcionario do Concello de Vigo, A.C.C., con responsabilidades no departamento de Fomento (Vías e Obras). Acúsaselle dun delito continuado de suborno, ao aceptar servizos de prostitución, pagados por outro acusado, E.A.P., responsable da construtora Eiriña.

Segundo o escrito de acusación do Ministerio Público, en xuño de 2013 e en febreiro de 2014, este funcionario mantivo relacións sexuais con prostitutas. Foran contratadas e pagas por E.A.P. O administrador da construtora, apunta a Fiscalía, efectuou esas “invitacións” ao funcionario en atención ao cargo que desempeñaba no Concello.

De feito, durante a fase de instrución da coñecida como Operación Patos (na que se chegou a investigar a medio centenar de empresarios, políticos e técnicos), o Ministerio Fiscal relacionou eses servizos de prostitución pagados ao funcionario vigués co feito de que A.C.C. interviña na valoración de gran parte das obras ás que concorría a construtora Eiriña.

Por estes feitos, a Fiscalía pide para A.C.C. a pena dun ano de prisión e inhabilitación para emprego e cargo público durante 3 anos. En cambio, para o administrador da construtora solicita 9 meses de prisión e inhabilitación especial para o exercicio de profesión.

OPERACIÓN PATOS

Esta macrocausa investigaba irregularidades na adxudicación de obras públicas. Acabou desgaxada en varias pezas separadas e, de todos os investigados, finalmente acabáronse arquivando as actuacións con respecto a todos os políticos, excepto o expresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e a alcaldesa de Moraña (implicados nunha peza sobre obras nun campo de fútbol).

Da Operación Patos celebráronse xa dous xuízos, un de conformidade sobre unha obra en Nigrán (Pontevedra), que se saldou con penas menores. Outro, sobre unha obra nun posto de control anexo a un escáner no Porto de Vigo, no que os acusados (entre os que estaba E.A.P.) foron absoltos.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...