Carlos Sainz visita PSA Vigo e eloxia a súa “eficiencia”, a piques de comezar a produción do K9

O director do centro de PSA Peugeot Citroën en Vigo, Frédéric Puech, confirmou que os proxectos da factoría van “segundo o previsto“. Así, manifestou que “en próximos días” arrincará a produción en serie do modelo K9, cuxo lanzamento “vai ser este verán”, e a preparación do V20 empezará “á volta de verán, para ter o lanzamento o ano que vén”.

Ratificouno nunha rolda de prensa este mércores, no marco da visita que realizou o piloto Carlos Sainz á factoría, onde Puech indicou que o lanzamento de novos modelos supón “un cambio importante” tanto para a fábrica como para os provedores, e incidiu en que o seu obxectivo é “gañar a carreira que é este lanzamento”.

Neste sentido, manifestou que a transformación das liñas de montaxe require “un tempo importante”, pero en todo caso destacou que este ano terán “a oportunidade de ter un novo récord de produción cos dous coches”.

“Se sumamos o B9 (que se fará no sistema un) e o K9 (no sistema dous) creo que este ano será tamén récord de produción” respecto ao ano pasado, cando a fábrica tamén superou a súa propia marca, con 307.000 unidades, referendou.

FELICITACIÓNs

Puech trasladou a súa satisfacción pola visita de “un gran campión como é Carlos Sainz”, gañador este ano do Ralli Dakar ao volante dun Peugeot 3008, vitoria que coincide co 60 aniversario da fábrica. “Agradecemos que comparta a súa experiencia e poidámoslle mostrar o traballo que facemos nesta fábrica, baixo o compromiso da excelencia”, apostilou.

“Temos moitos motivos para felicitarnos, pero estar na mellora permanente é a única forma de seguir á cabeza“, destacou, insistindo en que a fábrica de PSA en Vigo está “en plena carreira”.

Pola súa banda, Carlos Sainz felicitou á factoría no seu 60 aniversario, así como a “todos os traballadores”, e recoñeceu “a complexidade” de facer “tan eficiente unha fábrica como esta”, que “é veterana pero segue sendo a número un“. Ademais, dixo estar “encantado” de visitar Vigo e Galicia, por ser unha “terra con gran paixón polo mundo do motor e os ralis”.

O COCHE AUTÓNOMO

Cuestionado polos xornalistas acerca de como ve o futuro dos coches autónomos, Carlos Sainz subliñou que lle divirte conducir, porque “un se expresa e goza conducindo“, e polo tanto gustaríalle “ter a opción” de poder seguir conducindo manualmente.

Ademais, considerou que competicións de coches autónomos que carecesen do factor humano “deixarían de ter interese” para el. “Sería interesante para enxeñeiros, pero persoalmente se cadra véndoa unha vez xa me chegaría”, explicou.

Neste contexto, recoñeceu que está “moi de moda” o coche autónomo e é “ao que tenden as factorías”, pero apuntou que “tamén as modas ás veces cambian“.