InicioSucesosA xuíza envía a prisión ao pirotécnico de Tui

A xuíza envía a prisión ao pirotécnico de Tui

Ve risco de alteración de probas e reiteración delituosa, despois de ocultar a existencia dos zulos localizados a fin de semana

PUBLICADO O

A xuíza de instrución número 1 de Tui decretou ingreso en prisión comunicada e sen fianza para F.G.L., o empresario investigado pola explosión dun almacén clandestino de material pirotécnico, que custou a vida a 2 persoas e causou 37 feridos, e a quen a Garda Civil localizou a pasada fin de semana outros dous depósitos ilegais deste material.

F.G.L. compareceu este martes por segunda vez ante a maxistrada, despois de quedar en liberdade con cargos o pasado venres. Entón, a xuíza impuxo como medida cautelar a comparecencia os días 1 e 15 de cada mes deste pirotécnico, investigado por homicidio imprudente, lesións e danos imprudentes, e risco catastrófico (e agora tamén por tenencia ilícita de explosivos).

Explosión de Tui / Miguel Núñez

Após a localización, a pasada fin de semana, doutros dous almacéns clandestinos de material explosivo vinculados con este empresario, nos que se ocultaban máis de 1.600 quilos deste tipo de sustancias, a Garda Civil detívoo por segunda vez e este martes compareceu de novo no xulgado.

RISCO DE ALTERACIÓN DE PROBAS E REITERACIÓN DELITUOSA

Nesta ocasión, segundo informaron fontes do TSXG, “a xuíza entende que, após a aparición dos depósitos, cuxa existencia non mencionou na súa declaración da pasada semana, as circunstancias variaron, e por iso acorda o seu ingreso en prisión”.

Así, a maxistrada considera que “existe risco de alteración de fontes de proba e de reiteración delituosa”. Ademais, ao existir a posibilidade de que as penas que se lle impoñan sexan maiores, entende que, a pesar do arraigamento, “aumentou o risco de fuga”.

NEGA QUE HAIA OUTROS ALMACÉNS

Pola súa banda, o avogado de F.G.L., Ricardo Valencia, confirmou, á saída do xulgado, que o seu cliente ingresa en prisión “polos feitos da fin de semana”, e que, ademais dos supostos delitos polos que viña sendo investigado, agora atribúeselle tenencia ilícita de explosivos e risco catastrófico.

Con respecto á comparecencia do seu patrocinado, confirmou que prestou declaración e que asegurou á xuíza que “non hai máis” almacéns clandestinos de material explosivo.

TENSIÓN ÁS PORTAS DO XULGADO

F.G.L. chegou sobre as 10.00 horas aos xulgados de Tui, escoltado pola Garda Civil e coa cabeza cuberta por unha carapucha. Cando estaba a piques de entrar ao edificio, un veciño abalanzouse sobre el e tentou agredilo, aínda que foi contido por axentes da Benemérita e da Policía Local.

Este veciño, Jaime Bugallo, é un dos afectados pola explosión do pasado mércores na parroquia de Paramos e a súa casa, pegada ao almacén pirotécnico clandestino, saltou polo aire e quedou “destruída”. El mesmo explicou ante os medios, pouco despois do incidente ás portas do xulgado, que perdeu os nervios e actuou levado “polo corazón” cando tentou atacar ao pirotécnico.

DENUNCIANTE

Nas inmediacións do xulgado de Tui estivo tamén este martes Francisco Gómez, veciño de Baldráns que leva anos litigando co dono da pirotecnia por cuestións urbanísticas. Segundo explicou, en declaracións aos xornalistas, leva “14 anos loitando” contra as supostas irregularidades de F.G.L., e lamentou que “ninguén fai caso” a pesar de que hai sentenzas que anulan as licenzas da pirotecnia e ordenan a demolición de parte das instalacións.

Con respecto ao sucedido en Paramos e á localización doutros dous depósitos ilegais de materiais perigosos, este veciño proclamou que a existencia deses zulos era coñecida por varias persoas e que “hai máis” pero que “a xente non dá a cara, non fala porque lle ten medo”.

“Eu mesmo fun á Garda Civil para advertilo, pero non me fixeron caso, nin sequera tramitaron a denuncia”, engadiu, e confirmou que “todo isto” o transmitiu este mesmo martes á Policía Xudicial de Garda Civil, ante quen prestou declaración.

ÚLTIMAS

O BNG pide grupos e artistas locais en Castrelos, tamén como teloneiros, no canto do “autobombo” do alcalde

O grupo municipal do BNG en Vigo volveu a pedir un ano máis que o Concello...

O PP denuncia a Caballero o ocultamento “intencionado” da perda de fondos europeos para reformar o parque Camilo José Cela

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo denunciou este luns que o...

Ferido grave un home ao caer desde un tellado no que traballaba no porto pesqueiro do Berbés

Un home resultou ferido grave este luns ao precipitarse desde o tellado no que...

Detido por exhibicionismo un home que se facía tocamentos e se masturbaba na praia viguesa de Samil

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 42 anos de idade, A.D.,...